O BNG de Oroso solicita a gratuidade do tramo Sigüeiro-Santiago da AP9

O BNG de Oroso solicita a gratuidade do tramo Sigüeiro-Santiago da AP9

O BNG de Oroso presenta unha moción en contra da subida das peaxes na AP-9 e para solicitar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Sigüeiro-Santiago

O BNG de Oroso, a través do seu concelleiro Diego Boquete, ven de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno municipal, na que manifesta o seu rexeitamento á subida das peaxes da AP9. Desta maneira, instase á Xunta de Galicia a que demande a supresión destas subidas, así como que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado a transferencia da AP-9 á administración galega. Compre lembrar que as subidas das peaxes veñen motivadas, a maiores da subida decretada polo goberno do Estado, para pagar a ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago así como para que Audasa recupere o importe dos descontos dos tramos Vigo-Pontevedra.

Ademais, neste momento, o tramo Santiago-Sigüeiro-Santiago xa acada un prezo de 1,65€ para turismos e de ata 3,60€ para vehículos pesados, polo que na moción ínstase ao Ministerio de Fomento a decretar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Sigüeiro-Santiago.

O BNG de Oroso considera fundamental librar de peaxe este tramo de autoestrada ata Santiago. En palabras do concelleiro Diego Boquete, "a gratuidade deste tramo suporía un elemento de dinamización económica, social e demográfica para o concello, e considera que a subida das peaxes esta tendo un impacto negativo e directo, non soamente no desenvolvemento do polígono industrial de Oroso, senón no conxunto da veciñanza do concello". Do mesmo xeito, a subida das peaxes repercutirá na desviación do fluxo de transporte de mercadorías e vehículos pesados, incrementando o transito deste tipo de vehículos pola estrada N-550. Así, a proposta do BNG de Oroso procura paliar en gran medida o efecto que o intenso tráfico ten na localidade de Sigüeiro. O BNG de Oroso espera que o resto de grupos municipais de sumen a súa iniciativa, e que de maneira unánime apoien a súa proposta. 

Comentarios