Aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores

Aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores

Esta escola está coordinada pola OVA

O prazo de matrícula na Escola integral de maiores, coordinada pola OVA e dependente da Concellaría de Voluntariado, xa está aberto. As persoas interesadas en participar poden escoller entre as clases na Casa da Cultura do Milladoiro ou na de Bertamiráns. No Milladoiro o alumnado dividirase en dous grupos, un de iniciación e outro para aquelas persoas que queiran profundar un pouco máis nos seus coñecementos. Os primeiros terán clases os mércores e os venres de 16:30 a 17:30 horas e os segundos, os mesmos días, de 17:30 a 18:30 horas. As clases en Bertamiráns impartiranse os martes e os xoves de 16:30 a 17:30 horas.

Por cada un dos grupos ofrécense 20 prazas. Para reservar unha delas as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662 377 044, enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou solicitalo nos centros socioculturais municipais. Tanto a Casa da Cultura de Bertamiráns como a do Milladoiro teñen un horario de atención ao público de 9:00 a 14:00 horas. O prazo permanecerá aberto ata o mes de xaneiro, sempre e cando haxa prazas dispoñibles.

Baixo o lema “Aprende divertíndote” a Escola integral de maiores ofrece clases para todas aquelas persoas de Ames que non tiveron oportunidade de continuar a súa educación básica. Os dous mestres voluntarios, Antonia Figueiras e Antonio Rodríguez, repasarán co alumnado a lectura e comentario de textos, a escritura ou conceptos matemáticos sinxelos. Ambos teñen experiencia na materia; levan xa moitos anos impartindo estas clases.

A poesía ou a música, un chisco de historia ou xeografía tamén serán temas a tratar nas clases, que se complementarán con charlas ou saídas. O curso rematará cun acto a finais do mes de xuño nun dos centros socioculturais que preparará o propio alumnado, ao que se lle entregará un diploma acreditativo.


Comentarios