Ordes e a UVigo firman un acordo para conservar os murais da vila

Ordes e a UVigo firman un acordo para conservar os murais da vila
Ordes e a UVigo firman un acordo para conservar os murais da vila

Ademais da creación dun fondo documental o CAPuS Project inclúe a toma de mostras para investigacións científicas que freen a súa degradación

Tras o acordo acadado recentemente coa Universidade de Vigo o Concello de Ordes pasará a formar parte do proxecto CAPuS (Conservation of Art in Public Spaces). Unha actividade de estudo e investigación que está a crear un fondo documental fotográfico e audiovisual relativo ao patrimonio da arte pública co fin de darlle difusión a través de distintos soportes.

Tamén implica a toma de mostras para investigacións científicas sobre materiais e posibles fenómenos de degradación.

Así se ratificou tras a xuntanza mantida hai escasos días entre a concelleira de Educación, Susana García, e Teresa Rivas Brea, do Centro de Investigacións Tecnolóxicas e Industriais da Universidade de Vigo.

Tanto a edil como a profesora titular insisten no beneficioso deste proxecto, o cal incidirá no establecemento de programas académicos e protocolos de conservación e restauración dos murais e demais obras de arte situadas en espazos públicos.

Entre as pezas coas que se traballará en Ordes figuran as de Lidia Cao (Xestando e Tempo), Nove-Noel (Escaravello), Spok (Mineiro), Sokram (Serpe), e a de Animalito Land (Déixao pasar).

Os responsables do proxecto CAPuS definen este como “unha alianza entre fabricantes, restauradores, universidades e centros de investigación para contribuír de maneira efectiva na conservación da arte urbana”. 

Os dous obxectivos principais son “o desenvolvemento de directrices para a súa protección e conservación, así como a creación dun módulo formativo innovador dirixido ao ámbito da educación superior”.

Comentarios