A USC reúne aos mellores expertos para debatir novas políticas de xestión de pesca marítima recreativa

A USC reúne aos mellores expertos para debatir novas políticas de xestión de pesca marítima recreativa

A última xornada do simposio estará dedicada enteiramente á elaboración dun Código de Boas Prácticas para a pesca marítima recreativa en España

No marco do Proxecto SICORE, que lidera a USC para analizar o impacto socioeconómico e ambiental da pesca marítima recreativa (PMR) en España, o profesor Sebastián Villasante e o investigador Pablo Pita, ambos os dous da Universidade compostelá, coordinan esta semana en Vigo o I Simposio Internacional sobre Pesca Marítima Recreativa (ISMAREF 2018).

Nas costas de España practican a pesca recreativa aproximadamente 300.000 afeccionados, que contribúen notablemente ao desenvolvemento da economía por medio dos investimentos que realizan na súa actividade. 

Ao tempo, a pesca marítima recreativa opera en España nun marco legal complexo e disperso, con múltiples administracións involucradas en diferentes aspectos da actividade e con solapamentos de usos no medio mariño con outros sectores.

Neste contexto, o encontro internacional que terá lugar os próximos días 14 e 15 de setembro no Museo do Mar de Galicia abordará a necesidade dun maior esforzo investigador para xestionar esta pesca dunha maneira máis eficiente e así diminuír os conflitos entre pescadores recreativos e comerciais, e outros usuarios.

A última xornada do simposio estará dedicada enteiramente á elaboración dun Código de Boas Prácticas para a pesca marítima recreativa en España, que recollerá as propostas realizadas polos diferentes sectores involucrados e grupos de interese: pesca recreativa e comercial, ONGs, casas comerciais, Administracións Públicas e universidades.

Comentarios