Antón Sánchez: "É necesario que o Estado salde a débeda histórica que mantén cos portos galegos"

Antón Sánchez: "É necesario que o Estado salde a débeda histórica que mantén cos portos galegos"

Esixe para A Coruña un trato análogo ao concedido a Valencia coa condonación da súa débeda

En Marea reclama para Galicia un trato análogo ao recentemente concedido polo goberno central a Valencia, coa condonación de 350 millóns ao seu porto; e a reversión da “débeda histórica” que o executivo central mantén cos peiraos da Comunidade. 

O vicevoceiro Antón Sánchez defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para que o goberno de Pedro Sánchez poña fin ao trato desigual cos portos galegos e marque diferenzas atendendo por fin as necesidades postergadas das Autoridades Portuarias de Galicia. 

Unha actuación que pasaría pola condonación da débeda derivada da construción de Punta Langosteira; pero tamén polo impulso das conexión ferriviarias e outras infraestruturas pendentes necesarias para mellorar o funcionamento dos portos da Coruña, Ferrol e Vigo. 

En relación coa situación da Autoridade Portuaria de A Coruña; e dada a sua especial relevancia tanto en termos de débeda como respecto ás opcións que se barallan para a súa amortización, e que pasan pola venda da fachada marítima da cidade; En Marea reclama un trato análogo ao concedido a Valencia: a condonación dos 200 millóns derivados da construción de Punta Langosteira, “ou, no seu caso, conceder as axudas económicas equivalentes ou as medidas procedentes que se acorden; conducentes, en calquera caso, á amortización efectiva e global de dito préstamo”.

En Marea ve necesario igualmente que o Ministerio de Fomento convoque no menor prazo a Comisión de Seguimento do Convenio de febreiro de 2004 co fin de negociar un protocolo de colaboración que, deixando sin efecto o de abril de 2018, teña por obxecto a revisión dos convenios de 2004 e con ela o PXOM do 2013, sobre o fundamento e a definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade, baseado na titularidade e xestión pública dos terreos, na creación de equipamentos dotacionais e espacios libres públicos e usos produtivos portuarios complementarios.

O vicevoceiro de En Marea chamou a atención sobre os cambios de parecer do Partido Popular. Que, a pesar de ser responsable directo do acordo para privatizar a fachada marítima da Coruña, co PSOE no goberno central súmase agora á petición de condonación.

“O Partido Popular, que se opuxera á condonación con unllas e dentes, parece que cambiou de opinión e agora apóiaa para erosionar ao Goberno do Estado. Con Mariano Rajoy como presidente non demostrou ningún interese en buscar unha solución que non fose a privatización e especulación cos terreos do porto”, lembrou Antón Sánchez. 

Que botou a vista atrás para lembrar que, “nestes anos, e con respecto á Coruña, o PP só acertou cando rectificou.Apoiou os convenios do 2004, apoiou a venda e privatización da Solana e do hotel Finisterre, co voto favorable de Beatriz Mato. E mediante a sinatura do protocolo da vergoña, asinado de costas á cidade, a enxenación e privatización dos terreos de San Diego”. O vicevoceiro de En Marea instou tamén ao PSOE a definirse e poñerse do lado da defensa do interese xeral. 

Comentarios