En Marea denuncia a manipulación da CRTVG por parte do goberno

En Marea denuncia a manipulación da CRTVG por parte do goberno

A deputada Ánxeles Cuña reclama a fin das inxerencias e das represalias contra profesionais "incómodos" e pide que se garanta a independencia informativa dos medios públicos galegos


En Marea denuncia as constantes inxerencias e a manipulación á que o goberno do Partido Popular está a someter aos medios públicos galegos e reclama que, tal e como marca a lei, se someta ao criterio do Parlamento a elección dun novo director xeral para a CRTVG. A deputada Ánxeles Cuña volveu levar á Cámara as críticas e reclamacións que, dende hai xa 16 Venres Negros, abandeira o propio persoal da Compañía de Radio e Televisión de Galicia. E instou á Xunta de Galicia a cumprir coa legalidade e a poñer en marcha medidas como o Consello de Informativos que posan fin á situación de deterioro que padecen a radio e a televisión públicas.

Ánxeles Cuña considera que o goberno de Núñez Feijóo incorre nun constante desprezo á cidadanía ante a súa prolongada resistencia a cumprir co que marca a Lei 9/2011 de novembro de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual. "Ata cando van seguir amordazando a CRTVG? Cando se vai crear o Consello de Informativos?" inquire a deputada, que lembra que os incumprimentos do goberno galego a este respecto se prolongan xa dende hai sete anos.

"Os medios públicos atópanse nunha situación de deterioro a causa dun modelo de xestión que non atende aos criterios de servizo público para os que foron concibidos, con constantes recortes orzamentarios, precarización do persoal e unha externalización da produción". Así o critica a deputada de En Marea, que este mércores volveu lembrar á Cámara que son os propios traballadores da CRTVG os que están a demandar un cambio de rumbo e "un compromiso imprescindible para rematar coas prácticas de manipulación informativa instaladas na televisión e radio públicas".

Ánxeles Cuña reclama a posta en funcionamento de "ferramentas normativas eficaces que permitan a erradicación definitiva da inxerencia política nos labores xornalísticos". "Nunca debe confundirse comunicación, propaganda ou publicidade con información", indica a deputada de En Marea, que destaca que a xestión do goberno de Núñez Feijóo en relación á CRTVG incumple tamén a directiva comunitaria 2010/13 sobre servizos de comunicación audiovisual, así como a Carta de Dereitos Fundamentais da UE

A deputada botou a vista atrás para lembrar a reforma efectuada pola Xunta de Galicia a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos Xerais de 2016, "que, na práctica, supuxo manter por tempo indefinido no seu cargo ao actual director xeral da compañía, evitando así que sexa substituído por unha persoa avalada por cando menos dous terzos do Parlamento -50 escanos- ou, de non lograrse, por un mínimo de tres quintos -45-" tal e como marcaba a lexislación vixente.

Ánxeles Cuña lembrou que Afonso Sánchez Izquierdo debera ter deixado o seu cargo á fronte da CRTVG xa en 2011, pois a Lei de Medios Públicos obrigaba a que o Parlamento avalase ese nomeamento cunha maioria cualificada que esixía o consenso de varios grupos políticos. Un papel que o goberno do Partido Popular está a arrebatarlle á Cámara, incidindo na súa inaceptable actitude de control dos medios.

"As traballadoras singlan a Sánchez Izquierdo, no cargo desde maio de 2009, como máximo responsábel das prácticas de manipulación informativa", denuncia Ánxeles Cuña, que lembra ademais que existen “centos de casos de manipulación e silenciamento de informacións na televisión e a radio públicas de Galiza" nos últimos anos.

En Marea insta así a poñer en marcha medidas efectivas para rematar co emprego dos medios públicos como ferramenta propagandística e garantir a pluralidade, a liberdade, a veracidade e a imparcialidade dos seus contidos. Así como a creación dunha Comisión de Igualdade que establezca protocolos de actuación no caso de acoso e garanta a idaldade de oportunidades. Ademais, denuncia os expedientes sancionadores que a actual dirección está a dirigir contra os profesionais "incómodos". "As purgas son unha práctica frecuente. O método é enviar de xeito forzado a outros destinos sen tanta transcendencia informativa a redactores e redactoras de recoñecida traxectoria incómodos para a actual dirección", explica Cuña. Que tamén denuncia a existencia dunha redacción paralela que dirixe a liña informativa, así como o abuso dos contratos de prácticas para obter man de obra barata. 

Comentarios