O Concello de Ames encargará un anteproxecto para a construción dun novo comedor escolar no CEIP da Maía

O Concello de Ames encargará un anteproxecto para a construción dun novo comedor escolar no CEIP da Maía

Hai que destacar dende o ano 2015 o Concello de Ames investiu arredor de 20.000 euros en obras para a mellora das medidas de seguridade e climatización no comedor do CEIP da Maía


  1. O goberno municipal vén de anunciar que se vai elaborar un anteproxecto para a construción dun novo comedor escolar no CEIP da Maía, unha infraestrutura moi necesaria debido ás escasas dimensións do actual, onde xa non teñen cabida máis usuarios/as. Neste senso, hai que destacar dende o ano 2015 o Concello de Ames investiu arredor de 20.000 euros en obras para a mellora das medidas de seguridade e climatización no comedor do CEIP da Maía. 

  2. Asemade, neste mes de setembro aprobarase, en Xunta de Goberno Local, o inicio da licitación do proxecto de mellora de seguridade na senda peonil que une o pavillón polideportivo co CEIP da Maía e co IES de Bertamiráns. Trátase dun proxecto a través do cal se ampliará a senda peonil que existe actualmente e mailas beirarrúas para que tanto alumnado como pais/nais poidan camiñar con maior seguridade ao carón da travesía da estrada AC-544, que une Bertamiráns e Negreira. Este proxecto conta cun orzamento de licitación de 115.835 euros. 

  3. Por outra banda, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, estivo esta mañá no CEIP A Maía, de Bertamiráns, coincidindo co inicio do curso escolar, para comprobar que o comezo das clases se retomase sen incidencias, tanto na entrada dos nenos e nenas como no funcionamento do centro. Alí puido conversar co persoal docente e coa directora, coa que aproveitou para falar sobre a elaboración de dito anteproxecto de construción dun novo comedor, que permita acoller a crecente demanda no centro, así como das melloras de equipamento realizadas este ano. Dende o goberno municipal tamén trasladaron á ANPA os datos de matrícula, previsións e prazos no tocante ao comedor escolar.
  4. Número de alumnos/as por centros 

  5. Na Escola de educación infantil do Milladoiro matriculáronse 310 nenos e nenas para o curso escolar 2018-2019; no CEIP da Maía hai 620 matriculados/as; o CEIP Agro do Muíño conta 493 alumnos/as; no CEP de Ventín hai 605 rapaces e rapazas, mentres que no CEIP de Barouta son 274 os nenos e nenas matriculados para este curso. 

  6. As clases tamén deron comezo nas escolas unitarias. A escola de Covas recibiu a 14 nenos e nenas, mentres que a da Tarroeira, en Ortoño, acolleu na mañá de hoxe a 18 cativos/as. Por último, no colexio Alca esta mañá comezaron as clases un total de 190 alumnos/as. Deste xeito, en infantil e primaria hai escolarizados uns 2.524 alumnos/as. 

  7. Ademais, o próximo luns, 17 de setembro, comezará o curso no IES Plurilingüe de Ames, en Bertamiráns, no IES do Milladoiro, e no Colexio Alca (o alumnado de secundaria e bacharelato) nos que hai arredor de 1.301 alumnos/as matriculados. No IES de Ames hai 704 rapaces e rapazas matriculados/as, mentres que o IES do Milladoiro conta cuns 450 alumnos/as para o vindeiro curso, aínda que a día de hoxe as listas poden incrementarse. A este alumnado hai que sumar 147 rapaces e rapazas de secundaria e bacharelato do Colexio Alca. Deste xeito, hai arredor de 3.825 rapaces e rapazas escolarizados/as en Ames no curso 2017-2018.


Comentarios