Os máis recoñecidos especialistas en altas capacidades reúnense esta semana nun congreso en Santiago

Os máis recoñecidos especialistas en altas capacidades reúnense esta semana nun congreso en Santiago

O congreso inaugurarase o venres 14 ás 9.30 horas no palacio de Congresos e Exposicións de Galicia

A Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC e ASAC Galicia organizan entre os días 14 e 16 de setembro en Santiago o I Congreso Internacional Noroeste de Altas Capacidades, que reunirá algún dos máis recoñecidos investigadores internacionais neste campo.

Como apunta a profesora Carmen Pomar, directora da mencionada Unidade da USC e presidenta do comité científico do encontro, esta é a primeira vez, desde hai máis de 20 anos, que en España se reúnen figuras de tan alto recoñecemento como Joseph Renzulli, Sally Reis, Javier Tourón e Luz Pérez, unidas ás novas xeracións representadas por Carmen Ferrándiz e a propia Pomar.

Ademais dos relatorios plenarios, o encontro inclúe dinámicas para o debate, o intercambio de ideas e experiencias, que contarán coa participación de asociacións de familias, orientadores e profesorado.

O congreso inaugurarase o venres 14 ás 9.30 horas no palacio de Congresos e Exposicións de Galicia nun acto que contará coa presenza do reitor Antonio López e do conselleiro de Educación, Román Rodríguez. A conferencia inaugural correrá a cargo de Joseph S. Renzulli, director do Centro Renzulli para a Creatividade, a Educación de Altas Capacidades e o Desenvolvemento do Talento da Universidade de Connecticut.

Ao longo destes tres días haberá tamén mesas sectoriais para o debate con destacados profesionais nos ámbitos do profesorado, orientadores e familias, así como do talento artístico, científico, deportivo, musical ou literario.

Comentarios