Chévere volta do verán coa súa Ultranoite número 110

Chévere volta do verán coa súa Ultranoite número 110
Chévere volta do verán coa súa Ultranoite número 110

Ofreceranse seis funcións repartidas en tres fins de semana, os días 14,15, 21, 22, 28 e 29 de setembro



Logo dun ano repleto de proxectos, Chévere celebra o comezo do curso cun dos espectáculos máis queridos polo público e pola compañía: a Ultranoite, que o cabaré colectivo que Chévere vén facendo case dende o seu nacemento e que vai xa pola súa edición número 110. Nesta ocasión ofreceranse seis funcións repartidas en tres fins de semana, os días 14,15, 21, 22, 28 e 29 de setembro. Serán, coma sempre, no Auditorio Constante Liste da Ramallosa, Teo, concello no que Chévere é compañía residente.

Desta vez subiranse ao escenario Patricia de Lorenzo, Xesús Ron, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Arantza Villar, Mónica García, Borja Fernández e Serxio Zearreta, ademais dos músicos da Ultrabanda: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián. Coma sempre, contararase tamén cada noite con artistas convidadas que irán cambiando cada fin de semana. Son AldaoLado, Carlos Santiago, Clara Gayo, Akira e Diego Anido.

As entradas adiantadas están xa á venda en Redenasa.tv (internet), e a partir do 28 de agosto en: A Santa Sede (Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo), Panadaría San José (Cacheiras) e bar El Muelle (Compostela). Para os que non queran coller o coche, ofrécense tamén entradas con bus de ida e volta entre Compostela e Ramallosa, que se poden mercar en Redenasa.tv e no bar El Muelle.

Que é a Ultranoite?

No mes de xaneiro de 1993, o grupo Chévere crea un espectáculo titulado Ultranoite para a Sala Nasa. Tratábase de poñer en valor e actualizar xéneros populares como o teatro de variedades, a revista ou o cabaré. Fíxose un chamamento a actores, actrices, músicos, vedetes, cantantes e artistas en xeral que estivesen dispostas a usar o teatro, a música e o vídeo para facer escarnio da actualidade política, cultural, económica e social. Dende entón pasaron 24 anos e a Ultranoite segue en cartel, agora no concello de Teo, fiel á súa cita co público, converténdose nun espello deformante e, ás veces, máis real, do que pasa ao noso arredor. A Ultranoite converteuse nun dos sinais de identidade do teatro en Galicia. Un lugar de encontro e colaboración para artistas, no que se xestaron amizades, relacións, espectáculos e, sobre todo, unha complicidade total cun público que non deixou de medrar durante máis de dúas décadas.

Comentarios
Lo más