Os socialistas de Ames celebran este sábado a terceira edición do seu xantar coa presenza de Gonzalo Caballero

Os socialistas de Ames celebran este sábado a terceira edición do seu xantar coa presenza de Gonzalo Caballero

Explica García que esta terceira edición trasládase á parroquia de Ames porque cando se comezou coa organización desta celebración se acordou facela itinerante por todas as parroquias de Ames

O PSdeG-PSOE de Ames celebra a súa terceira edición do Xantar-Festa, e este ano desprazaranse ata a parroquia de Ames, no lugar de Barouta, para desfrutar dunha xornada de música, charla e viandas.

O invitado principal nesta ocasión será o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que nunha nova ocasión visita o concello amesán para apoiar aos e ás socialistas da localidade; ao líder do PSdeG acompañarao nos turnos de intervencións o alcalde, José Miñones, que fará balance da xestión do goberno que preside.

O secretario xeral local, Blas García, pon de manifesto que con esta celebración queren trasladar a unidade da que goza o Partido en Ames e “darlle a saída ao novo curso político que terá como colofón as eleccións municipais do mes de maio”.

CELEBRACIÓN NA PARROQUIA DE AMES

Explica García que esta terceira edición trasládase á parroquia de Ames porque cando se comezou coa organización desta celebración se acordou facela itinerante por todas as parroquias de Ames, e lembra que a primeira edición se celebrou no Milladoiro e contou naquela ocasión co hoxe presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez; e no 2017 a celebración tivo lugar na parroquia de Ortoño.

Barouta é o lugar elixido, ao carón da capela de San Amaro, e pegada á estrada de Roxos a Portomouro, co que se conta cun acceso doado.

XANTAR-FESTA

O xantar dará comezo en torno ás 14:30 e estará composto de empanada, tortilla e lacon, como entrantes; e continuará con churrasco mixto con patacas e ensalada, para rematar co postre e o café, todo por un prezo de 20 euros por persoa.. Durante o xantar e ao seu remate a festa estará amenizada pola charanga amesán Tíralle do aire que poñerá o aire festivo a esta celebración.

Lembra o secretario xeral amesán que “este é un xantar aberto aos veciños e veciñas de Ames e doutros lugares, que poderán asistir se así o desexa, e deberán de avisar con antelación por cuestións organizativas”.

Comentarios
Lo más