O CHUS conta cunha nova incubadora de embrións de última xeración converténdose no primeiro hospital do mundo en contar con esta tecnoloxía

O CHUS conta cunha nova incubadora de embrións de última xeración converténdose no primeiro hospital do mundo en contar con esta tecnoloxía

É a primeira unidade de reprodución no mundo en dispor dun equipo destas características, incorporando automatización e medición de constantes vitais

A Unidade de Reprodución Humana Asistida do Hospital Clínico Universitario de Santiago estrea tecnoloxía de última xeración (incubador MIRI TL6 SAFE Sens) para incubar embrións, converténdose na primeira unidade do mundo en dispor dun equipo destas características.

A tecnoloxía MIRI traballa a baixas presións de osíxeno simulando exactamente as presións de osíxeno do útero materno. Por outro lado, grazas á incorporación da tecnoloxía revolucionaria SAFE Sens de medición fluorescente, contrólase de forma continua o indicador máis fiable dos niveis de acidez do medio de cultivo, o chamado potencial de hidróxeno (pH), o que permite en todo momento ter controladas as condicións de cultivo dos embrións.

Tamén permite a fotografía do embrión cada 5 minutos pois incorpora un sistema time lapse (cámara rápida) que amais edita unha película de toda a evolución de cada un dos embrións.

Ata agora, os embrións sacábanse do incubador unha vez ao día para comprobar a súa evolución ao microscopio facéndolles unha única foto cada 24 horas. 

Unha operación que xa non será necesaria pois o novo sistema de cultivo precisa unha mínima manipulación dos embrións permanecendo estes nun ambiente estable con mínimos cambios no ambiente de cultivo e unha menor exposición á luz, simulando o seu desenvolvemento dentro do útero materno e facendo máis natural o seu cultivo. 

Todo elo axuda a mellorar o desenvolvemento embrionario o cal permite que non se dificulte a súa evolución ata o estadío final do desenvolvemento embrionario, o blastocito.

 Para Ernesto Veiga, Responsable Asistencial do Laboratorio da Unidade de Reprodución Humana Asistida do Clínico, “este novo incubador permítenos simular o entorno natural e detectar anomalías morfolóxicas de división, que cos sistemas de incubación tradicionais cun único chequeo diario se nos escapaban, e así, obter e seleccionar dunha maneira máis eficaz os mellores embrións para a súa transferencia ao útero”. 

“Todo elo ofrece a capacidade de seleccionar un embrión que ofreza altas probabilidades de ter un neno sa na casa, ás nosas pacientes”. “En resumidas contas, incorpora a automatización no laboratorio de FIV e mellora a práctica clínica, dúas das liñas mestras de actuación marcadas pola nosa Xerente, Eloína Núñez Masid, para o noso hospital” asegura o doutor Veiga.

Comentarios