O Goberno local celebra hoxe un novo encontro "Ao vivo"

O Goberno local celebra hoxe un novo encontro "Ao vivo"

Ao longo dos próximos meses celebraranse nove xuntanzas polos distintos barrios da cidade. Para as parroquias, desta vez deseñouse un formato propio, o "Rural ao vivo".

O Goberno local participará hoxe venres, 14 de setembro, nun novo encontro "Ao vivo", desta vez no Centro Cívico Vista Alegre-Romaño, dirixido á veciñanza destes barrios. Á xuntanza asistirán o alcalde, Martiño Noriega, e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno.

No pasado mes de xuño, cun encontro no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, retomáronse os "Ao vivo", actos deseñados para que o alcalde e os concelleiros e concelleiras rendan contas en contacto directo coa veciñanza. O último encontro mantido foi no mes de xullo coa veciñanza de Cancelas, Meixonfrío e Salgueiriños.

Ao longo dos próximos meses celebraranse nove xuntanzas polos distintos barrios da cidade. Para as parroquias, desta vez deseñouse un formato propio, o "Rural ao vivo".

Os encontros "Ao vivo" naceron co obxectivo de completar os procesos de participación cidadá impulsados dende o Concello. Nas xuntanzas participan o alcalde e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno, que escoitan as demandas e opinións da veciñanza, dan conta do traballo que se vén desenvolvendo no ámbito xeográfico concreto, e explican os motivos polos que non se teña atendido algunha demanda. Os encontros están dirixidos por profesionais da mediación, que garanten que todos/as os/as asistentes teñan a oportunidade de falar, miden tempos e favorecen a diversidade das achegas.

Despois da reunión do próximo venres no Centro Cívico de Vista Alegre-Romaño, está prevista a celebración de xuntanzas no Ensanche, Fontiñas, Cidade Vella, Pontepedriña, Vite e Sar. O "Rural ao vivo" comezará a partir do outono.

Comentarios