O campo das Cancelas acolle este sábado o I Torneo Internacional Feminino de Fútbol Gaélico

O campo das Cancelas acolle este sábado o I Torneo Internacional Feminino de Fútbol Gaélico

O Estrela Vermelha está a procurar tamén canteira e por iso levan dende o pasado ano achegándose aos colexios da cidade

A edila de Deporte, Noa Morales, presentou onte o I Torneo Internacional Feminino de Fútbol Gaélico, que se celebrará este sábado a partir das 15:30 horas no campo municipal das Cancelas. Na rolda estivo acompañada polo presidente do Estrela Vermelha, Brais Prieto, e polas xogadoras Ánxela Estévez e Uxía Castro.

Neste 1º Torneo Internacional de Fútbol Gaélico enfrontaranse as actuais decacampionas de Europa, Belgium Legends; as campioas da Liga Galega e Torneos Ibéricos dos últimos tres anos, A Coruña Fillas de Breogán; o equipo feminino de gaélico da cidade das Burgas, Auriense FG, e o equipo anfritrión e organizador, Estrela Vermelha FG, que son ademais as actuais campioas da Copa Galega.

"Trátase dunha moi boa forma de potenciar e promocionar o fútbol gaélico na nosa cidade", destacou Noa Morales, que o definiu como "un deporte que conta con máis seguidores e seguidoras día a día. É tamén "unha maneira de promocionar e visibilizar o deporte feminino, que no caso do gaélico galego está a dar tantos éxitos a Compostela e a Galicia".

Brais Prieto sinalou que este vai ser un torneo "de moitísimo nivel, xa que contamos coa participación das mellores de Europa, como son as xogadoras belgas". Na mesma liña se pronunciou Ánxela Estévez, quen indicou que "buscamos tamén comprobar cal é o nivel do gaélico en Galicia comparado con equipos xa consolidados como o belga".

O Estrela Vermelha está a procurar tamén canteira e por iso levan dende o pasado ano achegándose aos colexios da cidade. Segundo apuntou Uxía Castro, "é importante que as novas xeracións se interesen por este deporte xa que temos unha liga conformada por xogadoras novas". Por iso están a traballar co profesorado de Educación Física dos centros para achegar este deporte aos nenos e nenas de Primaria.

Fútbol Gaélico

O fútbol gaélico é unha variante do fútbol xogada principalmente en Irlanda, sendo o deporte con maior popularidade deste país. Xógase en equipos de 15 xogadores nun campo rectangular de céspede, con porterías en forma de H a ámbolos dous lados. No caso galego, os equipos están compostos por 11 xogadores/as. O obxectivo principal é anotar o maior número de puntos, marcando goles (3 puntos) ou lanzando o balón por enriba do longueiro (1 punto). O movemento do balón polo campo faise coas mans, pateándoo cos pés para pasar a calquera compañeiro/a ou golpeándoo coa man para realizar un pase en curto.

O fútbol gaélico conta ademais cuns valores únicos dentro do mundo do deporte. Trátase dun deporte amateur onde os e as mellores xogadoras non cobran por xogar, e non se permiten as fichaxes, de tal xeito que xogarán ou no equipo da vila onde naceran ou onde residan. Ademais, promove a cultura do "terceiro tempo", onde prima a camaradería entre rivais. 

Comentarios