En Marea: "Franco, ademais dun criminal golpista e un ditador, foi tamén un ladrón"

En Marea: "Franco, ademais dun criminal golpista e un ditador, foi tamén un ladrón"

Antón Gómez-Reino defendeu este xoves a posición do grupo para quitar "dunha vez por todas" ao ditador Francisco Franco do seu mausoleo no Valle dos Caídos

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, interveu este xoves no Pleno en relación ao Real Decreto-Lei para o recoñecemento e ampliación dos dereitos das persoas que padeceron persecución durante a ditadura e Guerra Civil, que conlevará a exhumación de Franco do Valle dos Caídos, e que ten o apoio de toda a cámara agás de Ciudadanos e o Partido Popular, que decidiron absterse.

"Estamos aquí tras 40 anos de ditadura e 40 anos de impunidade. Hai unha sociedade nova e moza que se avergoña dese pasado e unha sociedade madura que quere pasar páxina. Temos que ter ben presentes ás mulleres represaliadas, aos 30.000 bebés roubados, 192.000 fusilados e 114.000 desaparecidos que están nas cunetas e temos que sacar", asegurou na tribuna Gómez-Reino.

Do mesmo xeito, o deputado mostrou a insatisfacción de En Marea co Real Decreto que se votaba hoxe: "Non houbo unha contenda, señores do Goberno, houbo un golpe de Estado e unha salvaxe represión antesala de 40 anos de ditadura. Non imos caer na mentira dos dous bandos!", afirmou.

"Por desgracia o fascismo non é pasado. O fascismo volve percorrer Europa, co que se alía o señor Albert Rivera e co que flirtea o señor Casado. En Europa, quen loitou pola democracia foi recoñecido como heroe. No Estado, pola súa banda, son tratados como delicuentes. En España hai ocultamento e humillación, mentras en Europa orgullo e recoñecemento", reiterou o deputado.

PAZO DE MEIRÁS

O deputado fixo especial fincapé no patrimonio roubado, porque Franco, ademais dun criminal golpista, foi un ladrón.

"Cómpre falar do patrimonio roubado, como o Pazo de Meirás. Franco ademais dun criminal golpista foi un ladrón. Como pode ser que a familia dun ditador fascista continúe disfrutando do que é das galegas/os?", asegurou.

En Marea fai unha valoración positiva de que este Real Decreto saia adiante, pero trátase dun "pequeno paso" na construcción da memoria democrática real e efectiva, que consideramos ten que ir "moito máis lonxe do abordado hoxe na cámara", polo que "seguiremos traballando para que as cuestión de memoria democrática se garantan e sexan efectivas".

Ademais, o deputado destacou que é unha vergoña que no ano 2018 "o PP e Ciudadanos sigan instalados no negacionismo, se neguen a pasar páxina, A condear o réxime e a quitar ao ditador do seu mausoleo".

Comentarios