En Marea denuncia a sospeitosa concesión masiva de axudas de Medio Ambiente a Concellos do PP

En Marea denuncia a sospeitosa concesión masiva de axudas de Medio Ambiente a Concellos do PP

16 dos 19 consistorios beneficiados na última convocatoria, que esgotou case 3 millóns de euros en 12 minutos, están gobernados polo Partido Popular

En Marea denuncia a sospeitosa concesión de subvencións da Consellería de Medio Ambiente a Concellos do Partido Popular e esixe que, no futuro, o goberno galego prime a valoración dos proxectos a executar e garanta así a igualdade de oportunidades no acceso á liña de axudas para creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos. O vicevoceiro da formación, Antón Sánchez, reclama que a administración autonómica poña en marcha mecanismos que desterren do reparto de fondos públicos calquera sombra de clientelismo, e esixe que a administración autonómica mude o réxime de concorrencia non competitiva; segundo o cal os fondos se reparten segundo a orde de entrada das solicitudes; polo de concorrencia competitiva.

No mes de xullo o vicevoceiro de En Marea alertaba do sospeitoso reparto de case tres millón de euros da liña de subvencións da Consellería de Medio Ambiente a Concellos en tan só 12 minutos e a medianoite. Antón Sánchez reclamaba xa daquela a creación dun baremo que prime a calidade e o interese xeral dos proxectos a executar, garantindo a igualdade de oportunidades no acceso. E amosaba as súas dúbidas sobre a posible filtración de información privilexiada por parte da Xunta de Galicia a consistorios amigos.

Trala información coñecida este xoves na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, as sospeitas semellan confirmadas. Pois unicamente 3 dos 19 concellos beneficiados pola nomeada orde de subvencións non están gobernados polo Partido Popular.

Así as cousas, En Marea esixe a reapertura da convocatoria e a posta a disposición dunha ampliación de crédito, que sexa asignado mediante criterios obxectivos que desterren toda posibilidade de irregularidade ou práctica clientelar.

O venres 4 de maio o DOG publicaba as bases reguladoras da convocatoria de subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018. Unhas axudas en réxime de concorrencia competitiva que, polo mesmo, se resolven de acordo á orde de rexistro das solicitudes presentadas e ata o esgotamento do credito dispoñible. É dicir: quen antes a pide, antes a leva.

A convocatoria para a presentación de solicitudes abriuse ás 00:00 horas do día 5 de maio. E a última solicitude que puido ser concedida antes do esgotamento total do crédito tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia ás 00:12:18 horas.

Comentarios
Lo más