A Inspección de Traballo recrimina ao concello de Muros a súa actitude coa discriminación laboral

A Inspección de Traballo recrimina ao concello de Muros a súa actitude coa discriminación laboral

Para o vindeiro luns, día 17, está prevista unha mesa xeral de negociación para elaborar unha relación de postos de traballo que «solucione o despropósito actual», segundo o sindicato

A Inspección de Traballo deulle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) e efectuou un requirimento ao Concello de Muros para rematar coa discriminación salarial denunciada polo sindicato. 

Entre outras cuestións, a Inspección esixe que se garanta o cumprimento do convenio colectivo, polo que o persoal laboral temporal debe percibir «as mesmas retribucións, básicas e complementarias ca as que percibe o persoal laboral fixo, do mesmo grupo ou nivel de complemento de destino».

O pronunciamento da autoridade laboral chega despois de reiteradas denuncias presentadas por CCOO contra o Concello polo incumprimento do acordo sobre o complemento de antigüidade ou pola vulneración do Estatuto dos Traballadores —por non converter en indefinido persoal que levaba anos encadeando contratos temporais.

Agora, o Concello de Muros anuncia que convocará a mesa xeral de negociación para elaborar unha relación de postos de traballo (RPT) que dea cabo da discriminación salarial entre o persoal laboral temporal e o persoal laboral fixo ou funcionario. Esa mesa terá lugar o vindeiro luns, día 17 de setembro.

O sindicato acudirá coa intención de conseguir unha RPT que «solucione o despropósito actual e remate coas situacións inxustas».

CCOO agradece a boa vontade, pero critica a demora

CCOO agradece a «boa vontade» amosada pola alcaldesa de Muros en distintas xuntanzas, nas que manifestou a súa disposición a cumprir co requirido pola Inspección de Traballo.

Deste xeito, comezouse a aboar o complemento de antigüidade a parte do persoal —non a todo— que, malia ter dereito, non o estaba a cobrar. O sindicato agarda que despois da mesa do luns, o Concello «adquira o compromiso firme» de estender o dereito a todas as traballadoras e traballadores.

Con todo, CCOO lamenta a demora do Concello en convocar a mesa, pois malia o tempo transcorrido desde o requirimento da Inspección, ata o momento só se entregou —a comezos de ano— unha «memoria» para que unha empresa externa elabore a RPT.

Comentarios