En Marea, PSOE e BNG poñen en marcha a comisión de investigación das mortes na sanidade galega

En Marea, PSOE e BNG poñen en marcha a comisión de investigación das mortes na sanidade galega
En Marea, PSOE e BNG poñen en marcha a comisión de investigación das mortes na sanidade galega

Luís Villares asegura que a comisión "ten que esclarecer o sucedido en casos como o de A Estrada e a hepatite C e para que estas mortes sexan as últimas do sistema sanitario galego"

En Marea, PSOE e BNG puxeron en marcha a comisión de investigación sobre as mortes na sanidade galega, a primeira que crea desde a oposición desde a posta en marcha do Parlamento de Galicia. Luís Villares, Xaquín F. Leiceaga e Ana Pontón coincidiron en explicar a necesidade desta comisión ante a grave situación que padece a sanidade en Galicia e tralos casos das vacinas denegadas da hepatite C e a morte dun paciente no pack de A Estrada que non recibiu atención por falta de facultativos.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, sinalou na súa intervención ante os medios que esta comisión estaba suficientemente xustificada polos graves sucesos dos últimos tempos na sanidade galega, "sabemos que a morte da Estrada non foi a primeira, pero queremos esta comisión para que sexa a última". Villares apuntou algúns dos argumentos que poñen en marcha esta comisión de carácter extraordinario "o falecemento de José María Rey Brea o pasado agosto no PAC de A Estrada é a gota que reborda o vaso, sabemos que non foi o primeiro, pero nos gustaría que fose o último morto da sanidade galega por falta de recursos suficientes para ser atendidos con dignidade".

O voceiro de En Marea lembrou que no último pleno "todos os grupos fixemos achegas en positivo par deter a sangría da sanidade galega, para deter esta situación infame na que por uns recortes e pola privatización dos servizos públicos prodúcense este tipo de situacións". Explicou Villares que a resposta recibida por parte do goberno e do presidente "foi o non, foi a negativa, foi a prepotencia e a soberbia de quen non está disposto a escoitar o que está a pasar no seu propio país".

Villares considera tamén que a sanidade galega "non ten os recursos suficientes para atender dignamente á súa poboación" e precisamente por isto sinalou o voceiro que esta comisión tratará de saber o que sucedeu no caso da morte do PAC de A Estrada pero tamén "no caso das oito mortes padecidas no caso da hepatite C por non dar uns medicamentos que se encontraban dispoñibles nas farmacias". Ademais disto, segundo sinalou que tamén se trata das "mortes invisibles, aquelas que non teñen nomes, as mortes daquela xente que non puido tomar os medicamentos precisos porque non podía pagalos". Ennumerou tamén outros casos como o de hemodinámica en Lugo ou as listas de agarda ou tamén os colapsos dos servizos de urxencia.

Segundo sinalou Luís Villares esta comisión convocada polos tres grupos da oposición "a intención é que sirva para esclarecer o sucedido nestes casos concretos, pero tamén para saber como está funcionando realmente o sistema sanitario galego, como están sendo tratados os pacientes, como están traballando os profesionais e cales son os fallos dun sistema que se leva revelado como insuficiente nos últimos tempos".

Segundo o regulamento do Parlamento de Galicia, en cada lexislatura os grupos da oposición poden convocar unha comisión de investigación se suman un mínimo de trinta votos. O funcionamento desta comisión terá os mesmos procedementos que calquera outra e, neste sentido, Luís Villares apuntou que é necesario que o PP "entenda que non se pode participar nunha comisión como esta xogando aos trucos parlamentarios ou escapando da responsabilidade que un goberno ten sobre os feitos sucedidos no sistema sanitario galego".

Comentarios
Lo más