En Marea reclama a inclusión da conexión ferroviaria Vigo-O Porto no trazado do Corredor Atlántico de mercaderías

En Marea reclama a inclusión da conexión ferroviaria Vigo-O Porto no trazado do Corredor Atlántico de mercaderías

Antón Sánchez e o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, destacan a vital importancia do enlace, posto que "Portugal é o principal mercado exterior para Galiza"

En Marea reclama que a conexión ferroviaria Galiza-Portugal se inclúa no Corredor Atlántico Ferroviario de Mercaderías. A formación considera prioritario realizar unha aposta decidida por unha infraestrutura vital para o desenvolvemento económico da Comunidade galega, que ten en Portugal o seu principal mercado exterior. O vicevoceiro, Antón Sánchez, encargarase de levar ao Parlamento de Galicia unha reclamación que este venres anunciou, xunto ao voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez.

A mellora da conectividade entre Galiza e o Norte de Portugal é fundamental, xa que estamos a falar dunha rexión de preto de 7 millóns de habitantes cun grande dinamismo económico, e que conta cunha importantísima rede de portos cuxa interconexión suporía a creación de grandes e fundamentais sinerxias.

"Mentres o goberno da Xunta non fai absolutamente nada polos portos galegos, o de Portugal impulsa un plan de mellora das infraestruturas do de Leixões por valor de 460 millóns de euros", explica o vicevoceiro de En Marea, moi crítico coas "disputas estériles e ridículas" nas que se autopan enfrascados PSOE e PP.

Portugal é un dos principais mercados exteriores de Galiza, polo que En Marea traballará activamente pola vertebración da rexión Galiza-Norte de Portugal. Unha conexión que sen dúbida reportaría enormes beneficios e redundaría no desenvolvemento económico da Comunidade galega. Pero que, ademais, resulta imprescindible para acceder á liña de axudas de 30.000 millóns de euros que Europa destinará ao desenvolvemento de infraestruturas ferroviarias para o transporte de mercadorías no período 2021-2027.

"Ata hai pouco Galiza estaba completamente excluída do Corredor Atlántico. En xullo de 2018 acordouse incorporala, unha nova moi positiva pola que En Marea traballou activamente. Pero mentres se fala dunha conexión Galiza-España e dúas Portugal-España, non se contempla a conexión de Galiza con Portugal, non se contempla unir Vigo e Porto. O que para a nosa Comunidade significaría quedar nunha peor situación á hora de poder acceder ao financiamento dunha obra fundamental", explica o vicevoceiro de En Marea.

Antón Sánchez criticou a excesiva obsesión da Xunta de Galicia pola conexión coa meseta e instou ao goberno galego a priorizar as relacións con Portugal, "moito máis importantes para o desenvolvemento económico" da Comunidade.

Ademais, o vicevoceiro de En Marea amosouse moi crítico coas disputas partidistas nas que PP e PSOE se atopan enfrascados, e denunciou a paralise tanto do Concello de Vigo como da Xunta de Galicia á hora de traballar activamente polos asuntos realmente importantes e que de verdade interesan á cidadanía. "Que fixeron Abel Caballero, Enrique López Veiga ou Alberto Núñez Feijóo polas infraestruturas e os portos galegos? Ata agora non houbo traballo serio para demandar esta conexión Vigo-O Porto, só disputas ridículas que só achegan dano para Galiza", indica Antón Sánchez. Que tamén destacou as consecuencias desta nula aposta pola conexión con Portugal, que está a redundar nunha perda de mercados en beneficio do Porto. "Galiza perde mercados a costa do Porto pola incapacidade de Núñez Feijóo para trazar unha estratexia conxunta dos portos galegos en clave de país e reverter así unha situación na que o porto de Leixões gaña cotas de mercado a pasos axigantados", indica o vicevoceiro de En Marea.

Ademais de denunciar a parálise e a falta de miras do goberno da Xunta, Sánchez denunciou que PP e PSOE prioricen as liortas partidistas ao interese xeral. E é que, tal e como lembrou o vicevoceiro, "mentres Abel Caballero se atopa enfrascado na política decorativa, o seu partido non é que de defender o mesmo en Vigo que na Coruña". O vicevoceiro animou a ambas formacións a priorizar os intereses reais de Galiza e instou á Xunta a traballar con visión de país e a trazar unha estratexia conxunta para os portos galegos.

Tamén o voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo destacou os perxuízos desas disputas en clave estritamente partidista. "O debate da débeda dos portos no que se enredaron PP e PSOE no Pleno de Vigo é un tema menor, o importante son as infraestructuras e investimentos neles, fóra de localismos e baixo esa necesaria estratexia común”, indica Rubén Pérez.

"Se o que se quere é falar de infraestruturas e de investimentos, a Marea de Vigo estamos totalmente dacordo e consideramos absolutamente necesario comezar a concretar que tipo de investimentos consideramos que necesita Vigo, que conexións son prioritarias para o noso Porto co obxectivo de ser un porto competitivo mais sobre todo, a coordinación entre os portos galegos, a cal consideramos debe ser absoluta para evitar a competencia entre eles", afirma o voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo. Que tamén incide na necesidade de facelo en clave galega, trazando unha estratexia para todos os portos galegos. "Non facelo só está beneficiando ao Porto de Leixões”, concluiu. 

Comentarios
Lo más