Os socialistas urxen á Xunta un calendario de aplicación en Galicia do acordo para a mellora do emprego público

Os socialistas urxen á Xunta un calendario de aplicación en Galicia do acordo para a mellora do emprego público

Díaz Villoslada reclamoulle hoxe ao goberno galego que aplique no ano 2018 a recuperación do cen por cen das retribucións que foran reducidas aos traballadores públicos

O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, reclamoulle hoxe á Xunta que explique canto antes o calendario de aplicación do II Acordo para a mellora do emprego público no sector público autonómico. Este acordo foi asinado polo ministro de Facenda e Función Pública cos sindicatos o pasado 8 de marzo e cumpre comezar coa aplicación a nivel autonómico.

Díaz Villoslada reclamoulle hoxe ao goberno galego que aplique no ano 2018 a recuperación do cen por cen das retribucións que foran reducidas aos traballadores públicos, tal e como permite o acordo, e que o goberno galego pretende adiar a 2019. Lembrou que así o pediu o Parlamento a través dunha moción do Grupo Socialista aprobada o pasado 8 de maio.

Ademais, urxiu a realizar avances no conflito que o goberno galego mantén aberto cos axentes medioambientais e forestais, que “non pode seguir aberto”, dixo. O responsable socialista puntualizou que logo de 3 anos de recuperación macroeconómica xa é tempo de recuperar as devaluacións das condicións dos empregados “máis alá das obrigas”, para que perciban unha mellora que “debe ir a maior ritmo do establecido”.

O parlamentario socialista reclamoulle hoxe ao goberno galego que especifique “calendarios” para a aplicación normativa duns procesos de recuperación xa anunciados pero dos que “aínda non sabemos nada”. Apuntou que os traballadores teñen dereito a coñecer e analizar as propostas da Xunta en asuntos nucleares e coñecer os obxectivos prioritarios aos que se van destinar os fondos adicionais.

Reclamoulle á Xunta que especifique “cales son os sectores prioritarios para incrementar as taxas de reposición de efectivos” dentro do sector público. Lembrou que o acordo recolle a recuperación paulatina das condicións económicas, o incremento da Oferta de

Emprego Público de 2018 e novos compromisos en materia de estabilidade laboral, xornada de traballo, conciliación, condicións para casos de incapacidade temporal, plans de igualdade, necesidades formativas e xubilación parcial.

Comentarios