Ames celebrará a próxima semana unha campaña de sensibilización con motivo do Día Mundial do Alzheimer

Ames celebrará a próxima semana unha campaña de sensibilización con motivo do Día Mundial do Alzheimer

Esta iniciativa completarase co reparto duns folletos máis pequenos en todos aqueles establecementos que se queiran sumar ao proxecto

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, súmase á conmemoración do Día Mundial do Alzheimer con unha campaña que consistirá na colocación, en todos os edificios públicos do Concello, duns vinilos visibles con frases que invitan a reflexionar sobre a situación de desamparo que viven todas as persoas que sofren esta enfermidade. Esta iniciativa completarase co reparto duns folletos máis pequenos en todos aqueles establecementos que se queiran sumar ao proxecto.

Así, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que o obxectivo desta campaña é “por un lado sensibilizar sobre o que xa podemos considerar como a epidemia do século XXI, así como das súas consecuencias sociosanitarias, e por outra banda, concienciar sobre a prevención entre os que a padecen directamente e os seus familiares coidadores, así como da importancia de entender que o alzheimer debe ser considerado como o paradigma da dependencia xa que afecta por igual o doente e o coidador/a”.

Asemade, o vindeiro mércores, 19 de setembro, ás 19.00 horas, terá lugar no local do Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI) a charla O Alzheimer e o papel das asociacións, impartida pola psicóloga da Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer (AGADEA), Alba Felpete.

Campaña Alzheimer ConCiencia Social

Pola outra banda, a Confederación Española de Alzheimer (CEAFA) e a súa campaña deste ano, que leva o lema de Alzheimer ConCiencia Social, busca darlle visualización ás reivindicacións dos pacientes. Así, queren reclamar un tratamento diferenciado e específico da enfermidade dentro da dependencia, reivindicando a necesaria conciencia que ten que existir para garantir unha abordaxe integral do alzheimer que, ademais de combater os seus efectos sociosanitarios, poña o centro de atención en garantir os dereitos das persoas afectadas o tempo que se respecte a súa dignidade.

Ao mesmo tempo, tamén mostran o seu apoio a calquera acción que se realice de cara a esixir maior compromiso ca ciencia, tanto a biomédica, como a social ou sociosanitaria, como recurso para avanzar cara a erradicación da enfermidade, e das súas consecuencias.

Comentarios