As III Xornadas de Diversidade Sexual inaugúranse este sábado en Ciencias da Educación

As III Xornadas de Diversidade Sexual inaugúranse este sábado en Ciencias da Educación

O encontro, a desenvolver no salón de actos da facultade no Campus Vida e con entrada libre, inaugurarase ás 9.15 horas

Un ano máis, a Facultade de Ciencias da educación da USC e os colectivos Arelas e Ultreia poñen en marcha as Xornadas sobre Diversidade Sexual dende a educación ‘Unha oportunidade para Trans*formar a sociedade’, nesta terceira edición centradas no ámbito educativo.

O encontro, a desenvolver no salón de actos da facultade no Campus Vida e con entrada libre, inaugurarase ás 9.15 horas coa presenza do reitor da USC, Antonio López; do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a decana do centro anfitrión, Carmen Fernández Morante; e a representante das asociacións LGTBI Cristina Palacios Castro

A continuación, a profesora especialista en diversidade LGTBI e violencia de xénero e igualdade Kika Fumero falará dos restos da educación na construción normativa de identidades de xénero e sexualidades disidentes. Seguiralle unha mesa redonda sobre os dous anos do protocolo educativo sobre identidade de xénero na que participarán representantes do ámbito educativo, da Xunta de Galicia e de ARELAS.

A sesión da mañá rematará cunha mesa de experiencias nas que se presentarán exemplos de boas prácticas de igualdade e diversidade LGTBI nas aulas, como o proxecto do Observatorio Coeducativo LGTBI, as semanas de diversidade LGBTIQA+ no marco da Unidade de Xénero do IES Politécnico de Vigo e o Comando Igualdade.

A xornada reanudarase pola tarde coa intervención de Marina Echebarría Sáez, profesora da Universidade de Valladolid, titulada ‘Realidades LGTBI na Universidade: dificultades e retos’. Logo haberá outra mesa de experiencias xa centrada no ámbito académico e universitario na que se presentarán o traballo da Oficina de diversidade sexual e identidade de xénero da Universidade Complutense de Madrid cos seus 28 anos de activismo e o proxecto europeo ADIM ‘Avanzando en xestión da diversidade LGTB no sector público e privado’.

A clausura terá lugar ás 19.30 horas a cargo da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación da Universidade de Vigo, Maribel Doval; e o vicedecano de Estudantes, mobilidade e cultura da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Martín Leránoz.

Comentarios
Lo más