A Xunta participa no seminario sobre prevención do abuso infantil celebrado en Lugo

A Xunta participa no seminario sobre prevención do abuso infantil celebrado en Lugo

A titular do departamento autonómico lembrou que a Administración autonómica ten en marcha diferentes accións en materia de agresións sexuais a nenos e nenas como as campañas 37mil sorriSOS e Acendámo-la luz

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, asistiu hoxe ao Seminario sobre prevención do abuso sexual infantil coordinado por AMINOGAL na cidade de Lugo.

Durante a súa intervención, a directora subliñou a sensibilidade da Xunta de Galicia na loita para a erradicación da violencia sexual contra os menores, da que dixo “é un fenómeno escasamente denunciado e, polo tanto, resulta vital traballar na difusión e na formación dos profesionais para que detecten de xeito áxil estas situacións, como imos realizar hoxe aquí”.

Nesta liña, González Méndez lembrou que o Galego foi o primeiro Goberno autonómico en adherirse de forma oficial á Campaña do Consello de Europa para a Prevención da violencia sexual contra nenos, nenas e adolescentes “Un de cada cinco” que suxire que un de cada cinco nenos e nenas en Europa son vítimas dalgún tipo de violencia sexual. Unha adhesión que, tal e como apuntaba a directora xeral, continuou cun traballo intenso a través da posta en marcha de varias iniciativas: as campañas 37milsorriSOS e #acendamolaluz, a través das cales se realizou a divulgación de material dixital sobre esta materia; o programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abusos sexuais, que ten como obxectivo o tratamento terapéutico en menores vítimas das diferentes formas de abuso sexual infantil e o asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o seu coidado; ou a celebración, o pasado 25 de abril, do I Foro Vacínate no que participaron máis de 200 profesionais e que serviu, segundo explicou Amparo González, “para iniciar un camiño cara a visualización da violencia sexual infantil e como punto de encontro para o intercambio de experiencias e actuacións nesta materia”.

A directora xeral tamén tivo palabras de agradecemento para as entidades organizadoras deste foro: FAPMI (Federación de Asociaciones contra o maltrato infantil), ECPAT ( End Child Prostitution ) e AMINO (Asociación en contra do maltrato e o abuso infantil) e con respecto á delegación en Galicia desta última entidade, AMINOGAL, avanzou a próxima posta en marcha dun novo programa para a difusión da campaña “Un de cada cinco” do Consello de Europa en centros de ensinanza de educación infantil e primaria de Galicia. “O obxectivo da campaña - apuntou - será sensibilizar ao profesorado e ás familias sobre o abuso sexual infantil na sociedade e proporcionar ferramentas ao profesorado, alumnado e ás familias”.

Finalmente, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia dispón dun servizo telefónico de atención ao menor de carácter gratuíto e que funciona todo o ano as 24 horas do día. Trátase do 116 111, atendido por profesionais e ao que poden dirixirse tanto aqueles nenos ou nenas que nalgún momento se sintan maltratados por outra persoa, precisen axuda ou simplemente queiran falar do que lles preocupa; como aquelas persoas que saiban ou sospeiten que algún menor poida estar sendo vítima de violencia ou non estar sendo correctamente atendido.

Comentarios