San Froilán 2018: 280 actos para unhas festas únicas

San Froilán 2018: 280 actos para unhas festas únicas

O San Froilán, que é unha festa que acolle a rúa e as prazas; arrincará o día 4 de outubro, ás 20:30 horas co pregón de Manuel Lombao

Do 4 ao 12 de outubro, vestida de festa, Lugo volve adquirir un esplendor especial. Nestes días, as prazas, a xente, …. Todo está tinguido coa luz e coas cores especiais de outono, cores que marcan que Lugo está de patrón, que chega o San Froilán; un pretexto para unhas festas nas que a cidade, sempre aberta, se volve máis aberta ca nunca.

Para elo, o Concello deseñou unha programación de 280 actos, co obxecto de satisfacer a todos os públicos, que presentou este venres, na Praza Maior, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da LIngua, Carmen Basadre; acompañadas do Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, outros membros do Goberno de Lugo e distintos representantes e artistas que teñen oco no programa, que farán do San Froilán 2018, unha festa única.

"Tradición, historia e cultura, conxugadas con modernidade e vangardismo", definen a esta cita, que nesta edición, e tras tres anos dedicando o día 11 de outubro a un dos Patrimonios Mundiais de Lugo, o Camiño Primitivo, se impulsa aínda máis, ofrecendo conferencias e andainas previas ao inicio dos festexos. Serán os días 29 e 30, os paseos con saída ás 10:30 horas dende a parada do bus urbano da rúa Anxo López Pérez e as charlas, ás 19:00 horas, no auditorio do Centro Cultural do Vello Cárcere. Xavier Gómez Vila e Adolfo de Abel Vilela serán os encargados das ponencias, baixo os títulos Os itinerairos xacobeos pola cidade de Lugo e A presenza do Camiño na cidade de Lugo.

Esta edición, as festas patronais de Lugo teñen un programa de ampla representación internacional, con artistas como Myles Sanko (inglés), Marky Ramone (americano) ou os grupos Fanfare Ciorcalia, de Rumanía, Pussy Riot, de Rusia -que actuarán por primeira vez no escenario con Ramone-, ou Nathy Peluso e Javiera Mena, de Latinoamérica. Ademais, este é un San Froilán con especial protagonismo para os artistas de Lugo: coa presenza de máis de 20 grupos locais.

"Porque chega o San Froilán e invádenos a ansia de celebrar o que somos e o que fomos, o que queremos seguir sendo, os nosos costumes e a nosa identidade, a que nos fai ser diferentes aos demais e a que expresa o noso sentir", asegurou a Alcaldesa na presentación, onde adiantou a celebración, un ano máis, das citas habituais: Día de Ferrol (6), Desfile de Gando, Festival de Cultura Tradicional, San Froilán Tecedeiro, feira de antigüidades, ofrenda a Rosalía, de man de Paloma Lugilde; o Domingo das Mozas (7), mostra do traxe tradicional galego, concertos de bandas ou unha verbena como as de antes.

É a rúa, son as prazas as que acollen a festa

O San Froilán é unha festa que acolle a rúa e as prazas. "Pero non hai festa sen compañía. Estamos ante unha das mellores oportunidades para reunirnos cos nosos, e convivir uns cos outros", subliñou a rexedora, que anunciou que o San Froilán 2018, declarado de Interese Turístico Galego e Nacional, arrincará o día 4, ás 20:30 horas co pregón de Manuel Lombao. Despois Los Pelúdez, Los Gofiones, pasarrúas, concerto folk, noite sabinera…

Tamén quixo avanzar unha novidade para o propio día de San Froilán: un espectáculo piromusical e videomaping, na Praza Maior, ás 23:30 horas. Zenet, Adrián Vigo, Lucía Pérez e Vizcaíno súmanse aos concertos que xa estaban anunciados, como por exemplo os de Rozalén, SonDeSeu, ou Herdeiros da Crus.

"Se hai algo que mantén a un pobo con vida é a súa xente, a súa participación e a súa implicación, e por suposto, que esta sexa nos espazos públicos" continúou a Alcaldesa, ao tempo que adiantou que este ano se amplían as sesións vermús á Rinconada do Miño.

O San Froilán integrador

O programa do San Froilán, cada vez máis completo e integrador, para que todos teñan a oportunidade de vivir a festa; tamén contempla este ano programación para os miúdos e miúdas, en concreto medio cento de actividades no patio do edificio administrativo do Concello; para os máis deportistas: unha vintena de citas de diversas modalidades e para os maiores, como vén sendo habitual unha verbena de tarde, o luns 8. No relacionado coa tradición, o San Froilán ten 5 días dedicados á cultura no Camiño, no Cantiño Nemesio Cobreros, con cada día dedicado a diversos oficios tradiconais; así como o Arte San Froilán (impulsado pola Deputación), ou a presentación dun número máis da colección dos Devanceiros: As festas Finiseculares, de Adolfo de Abel Vilela.

Pola súa banda, Carmen Basadre, que fixo un recoñecemento público ao personal traballador de cultural, puxo o acento neste San Froilán con máis programación dos últimos tempos, descentralizado por todos os recunchos e barrios da cidade, e con gran itinerancia de grupos. De feito contémplase a combinación de todos os tipos de música, tradicional, techo, rap, dance, hip-hop; "o que a foi diversa, e que se sexan unhas festas familiares". Como non podía ser doutro xeito, as verbenas tamén teñen oco na programación, con orquestras de gran presenza no ámbito festeiro de Galicia.

"O segredo dunhas grandes festas atópase nas persoas: dende as que con empeño conforman a programación para que Lugo teñan unhas patronais moi especiais e participativas; aos veciños e veciñas de Lugo, da provincia e a todos e todas as que veñan de fóra a gozar do San Froilán", concluíu Méndez, quen fixo unha invitación á sociedade a participar nas festas máis bonitas do outono galego.

Nesta liña insistiu Álvaro Santos, que enmarcou a colaboración da Deputación na vontade de seguir impulsando ao San Froilán como punto de encontro da provincia e de convivencia, onde teñan cabida todos os gustos e sensibilidades.

Prolongación dos buses urbanos e aparcadoiros disuasorios

Os días 4, 6 e 11 de outubro, as liñas 3A, 4, 6 e 7A prolongarán o seu servizo ata as 03:00 horas, e os días 5, 7 e 12, as liñas 3AE, 4E, 5E, 6E, ata as 02:00 horas. O Concello habilitará 4 zonas de estacionamento disuasorias, dúas en Campos Novos, As Termas e rúa das Artes. Do mesmo xeito, haberá un servizo especial de bus que conectará estas zonas co recinto feiral.

Alsa ofrecerá descontos dun 25% para as persoas que se acheguen a Lugo entre o 1 e o 15 de outubro.

Comentarios