Gonzalo Caballero anuncia que os socialistas están preocupados pola "desfeita" que deixa Feijóo na sanidade pública

Gonzalo Caballero anuncia que os socialistas están preocupados pola "desfeita" que deixa Feijóo na sanidade pública

O secretario xeral traslada o “apoio” do PSdeG a Pedro Sánchez fronte “aos ataques furibundos da dereita máis difamatoria” e que “cre que todo vale”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe en Lugo, en compañía da alcaldesa, Lara Méndez, a xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega coa que os socialistas dan comezo ao novo curso político que desembocará nas eleccións municipais do próximo mes de maio.

Ante os xornalistas, o líder dos socialistas galegos puxo en valor os “avances” protagonizados polo goberno encabezado por Pedro Sánchez cando se acaban de cumprir os seus primeiros cen días e tamén a xestión de Lara Méndez en Lugo. Fronte ao “impulso” dos gobernos de progreso, Gonzalo Caballero anunciou que os socialistas “poñeremos no centro do debate” a “desfeita” na sanidade pública que deixa Feijóo.

Así se fará, como dixo, nunha comisión de investigación no Parlamento que abranguerá “os recortes, a privatización e o deterioro” na sanidade pública, que se concreta “na redución da carteira de servizos, en menos persoal e menos camas”. Caso paradigmático é o de Lugo, onde aínda non se implantou o servizo de hemodinámica durante as 24 horas do día.

Con ese dato, xunto co das “cero” prazas residenciais para maiores postas en funcionamento por parte da Xunta na cidade ou o dos case 300 nenos agardando por unha praza pública de gardería, o máximo dirixente do PSdeG recalcou que “a mellor opción para Lugo é Lara Méndez, que conta cun equipo de goberno que traballa duro e que ten un proxecto de cidade”.

En cambio, proseguiu, “a dereita non conecta cos cidadáns onde non goberna”, como ocorre en Vigo, A Coruña, Santiago ou Lugo, e na única cidade que o fai, Ourense, supón “o mellor exemplo de desastre” ao non ter conseguido aprobar nin un orzamento en catro anos a pesares de ser a forza maioritaria.

100 DÍAS DE GOBERNO

Ademais, xunto coa que destacou como “a alcaldesa de referencia en Galicia”, Gonzalo Caballero puxo en valor os primeiros cen días do goberno liderado por Pedro Sánchez fronte “aos ataques furibundos da dereita máis difamatoria”. “O PP non agardaba perder o poder e non sabe asumir que agora tócalle rexenerarse e construír un proxecto”, lamentou.

Comentarios