Ponse en marcha unha nova edición do programa Amessan

Ponse en marcha unha nova edición do programa Amessan

Os obradoiros e actividades deste servizo están dirixidos a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ames

O Concello de Ames xa ten pechado o programa Amessan para o curso 2018-2019. Os obradoiros e actividades deste servizo están dirixidos a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ames. Deste programa tamén poden tomar parte aquelas persoas cunha discapacidade, presentando un informe médico que recomende a súa asistencia a algunha das aulas. A oferta deste curso inclúe os obradoiros de manualidades, memoria, música tradicional e ximnasia terapéutica.

As actividades do programa Amessan impártense nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro. As clases comezan o día 1 de outubro e rematarán no mes de xuño. As actividades de manualidades, memoria e música tradicional contan con 15 prazas por grupo, e as de ximnasia terapéutica con 25 prazas. O grupos teñen que estar formados como mínimo por dez participantes.

Para participar dos obradoiros non é precisa a inscrición previa. As persoas que se queiran anotar deberán acudir, levando o seu documento de identidade, ao local onde se imparte a actividade o primeiro día de clase. Alí cubrirán unha ficha para formalizar a súa asistencia. As persoas con algunha discapacidade deberán levar o seu certificado médico. De todas formas, para calquera consulta pódese chamar aos números de teléfono 662 377 044 (de 10:00 a 14:00 horas) ou 607 813 452 (de 16:00 a 19:00 horas).

A concelleira de Voluntariado, Isabel González, “anima á veciñanza de Ames a que, un ano máis, se apunte a este programa que xa vai pola décimo quinta edición consecutiva”. Asemade, “agradecer a fidelidade dos usuarios e das usuarias que levan dende o primeiro ano participando nas actividades de Amessan”.

Lugar e hora das actividades e obradoiros

Os obradoiros de manualidades impartiranse nos locais sociais de Agrón, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, Cruxeiras, os martes de 17:30 a 19:30 horas, e Trasmonte, os venres de 18:00 a 20:00 horas. Os de música tradicional ofrécense nos locais sociais de Ameixenda, os martes de 17:00 a 19:00 horas, Bugallido, os mércores de 17:00 a 19:00 horas, Trasmonte, os luns de 19:00 a 21:00, e Lens, os xoves de 19:00 a 21:00 horas.

As actividades de memoria levaranse a cabo na Ameixenda, os xoves de 16:15 a 18:15 horas, Bugallido, os xoves de 16:30 a 18:30 horas, en Bertamiráns os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas, Covas, os xoves de 19:00 a 21:00 horas, Cruxeiras, os mércores de 15:30 a 17:30 horas, no Milladoiro, os luns e mércores de 19:00 a 20:00 horas e os martes de 18:00 a 20:00 horas, e na Tarroeira, os mércores de 18:00 a 20:00 horas.

Os obradoiros de música tradicional terán lugar na Ameixenda, os martes de 17:00 a 19:00 horas, en Bugallido os mércores de 17:00 a 19:00 horas, e en Lens, os xoves de 19:00 a 21:00 horas.

Ademais, organízanse un ano máis as aulas de ximnasia terapéutica. Ofértanse no local social de Augapesada, os mércores e venres de 18:30 a 19:30 horas, no de Bugallido, os luns e venres de 20:00 a 21:00 horas ou de 21:00 a 22:00 horas, en Cruxeiras, os martes e xoves de 20:00 a 21:00 horas, no local social de Piñeiro, os luns e mércores de 19:00 a 20:00 horas, na Tarroeira, os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas, e en Trasmonte, os mércores e venres de 17:00 a 18:00 horas.

Nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro ofrécense tres grupos distintos de ximnasia terapéutica. En Bertamiráns o grupo 1 ten clases os martes e xoves de 19:00 a 20:00 horas, o grupo 2 de 12:00 a 13:00 horas (tamén os martes e xoves) e o grupo 3 os luns e os mércores de 19:00 a 20:00 horas. Na do Milladoiro, as clases impártense os martes e xoves. O grupo 1 en horario de 17:00 a 18:00 horas, o 2 de 18:00 a 19:00 horas, e o 3 de de 19:00 a 20:00 horas.

Comentarios