As medidas de mellora de acceso ao monte Gaiás e a Cidade da Cultura seguen sen executarse

As medidas de mellora de acceso ao monte Gaiás e a Cidade da Cultura seguen sen executarse

Os Populares “insisten en lembrarlle ao señor Noriega e aos seus compañeiros que o que se leva aos Plenos é produto das peticións dos veciños de Santiago, que non son meras ocorrencias ou caprichos dos grupos alí presentes”

O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno deste mes de setembro unha pregunta para que o Goberno de Martiño Noriega explique “cales foron as medidas que o seu Executivo levou a cabo, nestes dous últimos anos, co fin de mellorar a información e o acceso ao monte Gaiás e a Cidade da Cultura”.

“Como xa é tradición no Grupo de Compostela Aberta, estamos ante un novo incumprimento dos acordos que se adoptan no Pleno, situación que o Partido Popular non pode deixar de denunciar, posto que é o reflexo da falta de respecto que lle ten o Goberno de CA aos santiagueses”.

Os Populares “insisten en lembrarlle ao señor Noriega e aos seus compañeiros que o que se leva aos Plenos é produto das peticións dos veciños de Santiago, que non son meras ocorrencias ou caprichos dos grupos alí presentes”.

O grupo Municipal Popular reitéralle “que, hai máis de dous anos, concretamente en abril de 2016, ante o avance dos traballos do Bosque de Galicia, a maioría da Corporación adoptou un acordo para mellorar a información e o acceso ao Bosque de Galicia e á Cidade da Cultura”.

Esta inicitiva solicitaba que, por parte do Concello, se levara a cabo “coa maior dilixencia posible un conxunto de medidas que permitan facilitar o acceso á Cidade de Cultura de Galicia e a súa contorna, reforzando así o atractivo e a utilidade deste singular enclave ambiental e cultural”.

Dous anos despois, “a veciñanza e os visitantes de Santiago poden observar que nada se ten feito nese sentido”, por todo isto, o grupo que dirixe Agustín Hernández “insístelle ao alcalde que o acordado nos Plenos debería ser incuestionable” e que tras case catro anos de xestión sería un “bo exercicio reflexivo que comprobase o número de acordos plenarios que levou a efecto”, o que lle daría “unha lectura case exacta do que lle interesa ao alcalde os problemas dos santiagueses e do modelo de xestión que está a sufrir a capital de Galicia”.

“Resulta sorprendente, que tras o remate da actuación promovida pola Xunta de Galicia na aba do Monte Gaiás, onde se creou o Bosque de Galicia, cunha gran superficie de arboredo autóctono de 34 hectáreas, onde foron plantadas preto de 12.000 árbores, na súa maior parte bidueiros e carballos, non teña interese para o grupo de Goberno, que ata o de agora non levou a cabo ningunha iniciativa para poñer en valor a singularidades deste lugar entre a veciñanza e as persoas que visitan a cidade, cun claro potencial para prolongar a estadía media na cidade”.

Desde o Grupo Municipal Popular, “explícaselle ao alcalde Martiño Noriega que son moitos os atractivos que se poden destacar neste ámbito: ademais do valor ambiental do Bosque de Galicia e da arquitectura da propia Cidade da Cultura, no monte Gaiás asentan o Parque da Balea dedicado ao artista urbano Lugrís; o Parque do Lago, cunha lámina de auga de cinco metros cadrados; o Xardín Literario, dedicado aos autores galegos; e, no futuro, formará parte deste conxunto o Xardín do Teatro, que o Goberno autonómico ten proxectado e que incluíra un rocódromo e un auditorio ao aire libre para 500 persoas”.

Comentarios