Os Hostaleiros de Compostela consideran que un 35% das terrazas poderían verse afectadas pola nova normativa

Os Hostaleiros de Compostela consideran que un 35% das terrazas poderían verse afectadas pola nova normativa

É a estimación da Asociación Hostalaría Compostela trala revisión no Concello da documentación relativa ás terrazas

Membros da directiva da Asociación Hostalaría Compostela achegáronse á area de Urbanismo do Concello de Santiago para revisar a documentación relativa ó número de prazas e datos de terrazas, co obxectivo de poder valorar o impacto económico que o proxecto de normativa tería de ser aprobado nos termos actuais nos que foi redactado polo Concello.

“Tras estudiar a documentación, estimamos que ata un 35% das terrazas compostelás veríase afectado polas restriccións da nova norma, o cal suporía un importante impacto económico, que se traduciría en perda de postos de traballo, ademais do perxuicio para os servizos turísticos e a imaxe da cidade”, resume Lois Lopes da Asociación Hostalaría Compostela.

Dende a Asociación recordan ademais que o actual proxecto de ordenanza de terrazas, pendente de aprobación no pleno do Concello, foi redactado sen a participación do sector da hostalaría local. Por tanto, non se tiveron en conta as verdadeiras características, necesidades e posibles perdas económicas que a nova normativa suporía en caso de aprobarse nos termos actuais.

O próximo luns 17 de setembro está prevista unha reunión entre a Asociación e o concelleiro da área coa fin de iniciar a senda do diálogo entre ambas partes. “A Asociación está aberta ó diálogo para poder consensuar unha normativa beneficiosa non só para o sector senón tamén para o conxunto da cidade”, conclúe Lois Lopes.

Comentarios