Galicia comprometida cos enfermos de ELA

Galicia comprometida cos enfermos de ELA

Destacou que Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas en poñer en marcha un protocolo único de actuación sanitaria e social para esta patoloxía

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que Galicia foi a primeira autonomía (das 11 que firmaron o convenio) en abordar desde o principio o convenio suscrito entre a Xunta, a través das consellerías de Sanidade e de Política Social, e a Fundación Francisco Luzón “cun enfoque clínico e socioasistencial para obter unha mellor calidade de vida dos enfermos con esclerose lateral amiotrófica (ELA)”.

Así o manifestou durante a súa participación no I Congreso Internacional da Comunidade da ELA (CincELA), organizado pola Fundación Francisco Luzón e celebrado esta semana no centro sociocultural CaixaForum de Madrid.

Almuiña destacou a posta en marcha hai uns meses, do Proceso Asistencial Integrado da ELA, que mellora a atención sanitaria e social dos pacientes que sofren esta enfermidade neurodexenerativa, adecuando ambos sistemas ás súas necesidades. 

O dcoumento homoxeneíza a atención, garantindo a equidade e a continuidade asistencial destes pacientes e converte a Galicia nunha das primeiras comunidades autónomas en dispoñer dun procedemento de actuación integral para atender a doentes con ELA.

No transcurso da súa intervención na mesa redonda do CincELA Miniencontros: Experiencias en marcha para unha integración efectiva de coidados da ELA, o conselleiro de Sanidade explicou que o Proceso Asistencial refrenda o compromiso adquirido polo Goberno Galego coa Fundación Francisco Luzón en xuño de 2017, axilizando as respostas sociosanitarias segundo as necesidades dos enfermos, impulsando as consultas de acto único en todos os centros sanitarios e simplificando todos os trámites administrativos.

No acto tamén participaron representantes doutras comunidades autónomas que expuxeron os modelos e experiencias implantadas nas súas autonomías para abordar a esclerose lateral amiotrófica e mellorar a atención integral dos afectados por esta enfermidade.

Proceso colaborativo e interdisciplinar

O Proceso Asistencial Integrado da ELA impulsa as consultas hospitalarias de acto único en todos os centros hospitalarios do Sergas; define unha vía clínica da ELA e establece tempos máximos recomendados de resposta desde o diagnóstico precoz desta enfermidade (tanto no ámbito hospitalario como en atención primaria), ata a confirmación diagnóstica, a evolución e seguimento do doente e a abordaxe da fase final da enfermidade. 

Tamén establece un tempo máximo dun mes para a avaliación da dependencia por parte da Consellería de Política Social, o que axilizará a adxudicación dos recursos sociosanitarios necesarios a estes pacientes.

O proceso asistencial establece unha vía clínica da ELA en cada centro hospitalario que garante que as persoas con sospeita fundada da enfermidade teñan a súa primeira consulta de neuroloxía nun tempo máximo non superior aos 15 días. 

Tamén se establecen tempos máximos recomendados para a realización de probas diagnósticas (un mes para o estudo neurofisiolóxico tras a solicitude e un mes para a realización da Resonancia Nuclear Magnética ou TAC).

O desenvolvemento do documento é froito da colaboración entre as Consellerías de Sanidade e de Política Social, do Sergas e representantes das asociacións de pacientes. Na súa redacción participaron 33 expertos en esclerose lateral amiotrófica e tamén se tiveron en conta as necesidades por parte das persoas con ELA.


SAÚDOS,


Comentarios
Lo más