Inaugúrase a Ruta dos Mosteiros, dentro dunha nova edición de Trens Turísticos de Galicia

Inaugúrase a Ruta dos Mosteiros, dentro dunha nova edición de Trens Turísticos de Galicia

O itinerario estréase con todas as súas prazas esgotadas, constatando así o éxito desta iniciativa de Turismo de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, saudou hoxe no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, aos viaxeiros da saída inaugural da Ruta dos Mosteiros, unha das principais novidades da edición deste ano dos Trens Turísticos de Galicia. 

O itinerario estréase con todas as súas prazas esgotadas, constatando así o éxito desta iniciativa de Turismo de Galicia, Renfe e o Inorde que desde xuño obtivo unha ocupación superior ao 94% na tempada estival.

A Ruta dos Mosteiros permite coñecer exemplos sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia combinándoo co desfrute dos recursos termais galegos. Xunto ao Mosteiro de Carboeiro, o itinerario complétase cunha visita ao pazo de Oca, no concello da Estrada; ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou ao templo da Veracruz do Carballiño. 

Os viaxeiros rematan a xornada no balneario de Caldas de Partovia. A vindeira saída será o 14 de outubro, para a que tamén están xa esgotados todos os billetes.

A edición deste ano dos Trens turísticos de Galicia continuará ata outubro con melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa seis edicións. Inclúense saídas da Ruta do Viño Monterrei, da Ruta dos Viños de Valdeorras e da Ribeira Sacra ou da Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Sil, con dúas saídas en cada caso. Tamén haberá unha máis do tren da Ruta da Lamprea.

Nas vindeiras semanas sairán dúas rutas máis con importantes novidades: o tren Lugo Romano, o 30 de setembro e o 20 de outubro, que contará con teatralizacións a bordo con actores caracterizados e o Tren Ourense Termal e Versalles Galego, o 7 e 27 de outubro. En ambos casos conxugarase patrimonio, turismo urbano e termalismo.

Comentarios