A programación teatral do último cuadrimestre de 2018 inclúe 10 espectáculos para público infantil e adulto

A programación teatral do último cuadrimestre de 2018 inclúe 10 espectáculos para público infantil e adulto
A programación teatral do último cuadrimestre de 2018 inclúe 10 espectáculos para público infantil e adulto

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro venres, 21 de setembro, ás 21.00 horas, a representación de “Fillos do Sol”, o primeiro dos dez espectáculos que Ames ten programados para os catro últimos meses do 2018

Ao longo de 75 minutos, os espectadores verán a un Eduardo Pondal, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, enfrontarse ás súas dúbidas e medos creativos a través da relación que entaboa con Eduardo, unha representación do propio poeta cando era xove, nacida da súa perturbación, e con Rosa, unha xove criada da pensión na que o bardo se encontra aloxado.

“Fillos do Sol”, destinado a un público adulto, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o vindeiro venres, 21 de setembro, ás 21.00 horas. As entradas, que xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de cinco euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

Teatro para un público adulto

O 5 de outubro, ás 21.00 horas, a programación teatral para público adulto volve á Casa da Cultura do Milladoiro, coa obra “Bicos con lingua”. Esta peza busca que o espectador redescubra a súa lingua, a través da aproximación aos problemas que esta mesma está a sufrir na actualidade. O 19 de outubro, á mesma hora, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns representarase “Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira”, un diálogo filosófico mediante o que as personaxes de Mofa e Befa, interpretadas por Josito Porto e Víctor Mosqueira, tratarán de responder á pregunta: ¿de que vai iso de pensar?.

O 23 de novembro, a compañía Redrum Teatro representará na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21.00 horas, a peza “Invisibles”, un espectáculo de creación colectiva que parte da novela homónima de Montse Fajardo. Así, ao longo de setenta minutos, preséntanse ante o público diversas historias reais de mulleres galegas, que versan sobre a violencia de xénero. A través destes anacos de vida, moi coñecidos a nivel mediático, búscase concienciar e sensibilizar ao público sobre esta triste realidade.

As entradas destas obras, ao igual que as de “Fillos do Sol”, teñen un custo de cinco euros na tarifa xeral e o 50% de desconto na súa tarifa reducida.

Teatro infantil e para as familias

En canto ao público infantil, o 28 de setembro, ás 18.00 horas, poderá gozar da obra “As aventuras de Gale” na Casa da Cultura de Bertamiráns, un espectáculo que mestura a técnica de sombras e monicreques de luva con música en vivo. Así, esta peza conducirá aos máis pequenos a través da historia de Gale, chea de aventuras e desventuras pero con un gran tesouro. Baseada na historia da lingua galega, Gale fará participes aos nenos e nenas do seu tesouro: palabras, expresións, poemas e unha gran cultura. Os convites, que son gratuítos, xa están dispoñibles na Billeteira.

A obra “A galiña azul”, da compañía de monicreques, Tanxarina, presentaranos unha historia baseada no conto homónimo de Carlos Casares, que mistura monicreques e actores, e que nos mostra a galiña azul como unha arma contra a inxustiza e en prol da diversidade. Este espectáculo terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns o 23 de novembro, ás 18.00 horas. Asemade, o 26 de decembro, ás 17.00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a peza “O mundo máxico de Pinocho”, de Educateatro Producións, unha peza de teatro musical que contará coa música dun piano en directo e con moita maxia. Nela, o Grilo Pepín acompañaranos a través da historia de Pinocho que, grazas ao seu nariz e ás múltiples aventuras que vivirá, aprenderá a importancia das boas amizades e de dicir a verdade.

Espectáculos de música e danza

Ademais, ao longo destes catro meses, tamén haberá programados espectáculos onde a música e a danza serán os protagonistas. Así, o 19 de outubro terá lugar “Concerto singular” na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. Durante sesenta minutos, Píscore, formado por catro prestixiosos músicos, tentarán demostrar ao público quen dos catro pode tocar a marimba de xeito máis orixinal e abráiante. Esta peza, na que se mesturan comedia xestual e música en directo, acadou o premio do público Festiclow 2018.

Asemade, o 9 de novembro ás 18.00 horas, “Gaia” aterra na Casa da Cultura do Milladoiro. A través da voz e a danza, acompañadas da pintura, a música e o audiovisual, este espectáculo tentará achegar aos espectadores a importancia da interacción entre as persoas e o medio ambiente. Por outra parte, o 30 de novembro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a partir das 18.00 horas o espectáculo “Mar adiante”. Os dous andares de un barco, formado por una serie de artellos que tamén poden utilizarse para facer música, serán o escenario de unha historia cargada de xogos clownescos de persecucións, golpes e caídas.

As entradas de estas obras teñen un prezo de catro euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, as entradas de toda a programación xa están dispoñibles na Billeteira electrónica.

Comentarios
Lo más