Luz verde para a creación do Parque Compostela Rupestre

Luz verde para a creación do Parque Compostela Rupestre
Luz verde para a creación do Parque Compostela Rupestre

A Deputación destinará 500.000 euros que reverterán na mellora e promoción do patrimonio rupestre do territorio

A Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra asinaron o convenio de colaboración que dará luz verde á creación do Parque Compostela Rupestre . A Deputación destinará 500.000 euros que reverterán na mellora e promoción do patrimonio rupestre do territorio.

A vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei e o deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira en representación da Deputación da Coruña, o alcalde e o tenente de alcalde de Ames, José Miñones e David Santomil; o alcalde de Val do Dubra, Antonio Negreira,; a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas; o concelleiro de Santiago, Jorge Duarte e a de Teo, Pilar Pérez, participaron no acto en que se asinou o convenio que contempla a constitución dunha comunidade intermunicipal para a xestión do Parque Compostela Rupestre.

O convenio establece a cooperación entre os cinco concellos, coa participación da Deputación da Coruña co fin de agrupar os medios materiais e recursos económicos a fin de promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre do territorio comprendido nos cinco municipios. 

O convenio ten vixencia por catro anos, prorrogábeis a outros catro, e a Deputación da Coruña fai para o seu desenvolvemento unha achega económica xa consignada nos orzamentos de 500.000 euros.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, destacando que se trata dun "convenio histórico entre a Deputación e os cinco concellos para poñer en valor e promocionar o patrimonio rupestre, nun espazo de colaboración de especial interese".

"Botamos a andar un proxecto en que temos depositadas grandes esperanzas e que responde á necesidade de que a sociedade coñeza e rescate a súa propia historia. A mancomunidade de Compostela ten un patrimonio riquísimo que vai máis alá da referencia que é a Catedral e este convenio vainos dar moitas posibilidades en todo o territorio", explicou o deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira.

Anotou Regueira que a achega económica da Deputación é un primeiro paso mais agarda que, no futuro, "tanto concellos como Xunta e Estado se animen a colaborar co proxecto e tomen iniciativas a favor do parque Compostela Rupestre co fin de que cada vez teña máis músculo e vigor". 

Anunciou que no prazo de dúas semanas se constituirá o primeiro Comité de dirección do proxecto a través do que se irán asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora do entorno e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación.

A totalidade de representantes dos cinco concellos que asinaron o convenio agradeceron á Deputación da Coruña o seu compromiso á hora de promover e apoiar o Parque Compostela Rupestre e a súa función á hora de coordinar a iniciativa.

"Desde o Concello de Santiago queremos dar ás grazas á Deputación por apoiar este proxecto transversal entre os distintos concellos e mostrar a súa capacidade de coordinación para poñer en valor o patrimonio e que os traballos collan entidade co fin de ser un referente a nivel cultural para o coñecemento da nos historia", apuntou o concelleiro de Santiago, Jorge Duarte que agarda que o parque sexa "competitivo a nivel de Estado e turístico mais tamén coñecido pola veciñanza".

Pola súa parte, a concelleira de Teo, Pilar Pérez defendeu a necesidade de "traballar en rede que é o que funciona, como se ve neste caso". Anotou que en Teo levan tempo promovendo iniciativas arredor dos petroglifos mais "agora temos un investimento moi potente para desenvolver entre todos os concellos".

O alcalde de Val do Dubra, Antonio Negreira agradeceu á Deputación o seu papel no desenvolvemento dun proxecto que, segundo dixo, "vertebra unha política cultural en torno a un ámbito específico que ten unha grande importancia, aproveitando elementos conxuntos para beneficio do noso patrimonio".

Nese sentido, tamén o alcalde de Ames, José Miñones, agradeceu o papel da Deputación, de maneira especial nun ámbito como o de patrimonio en que, segundo dixo, "os concellos teñen dificultades". O proxectos demostra, para Miñones, "que é posible traballar xuntos e entenderse como fórmula para poñer en valor o noso patrimonio". Tamén a concelleira de Brión, Yolanda Bouzas, apostou pola necesidade dun esforzo conxunto para "divulgar e valorar a riqueza patrimonial do conxunto dos concellos".

Comentarios