A CIG-Ensino demanda a recuperación da xornada lectiva docente, un plan de estabilidade para o persoal interino e a regulamentación das materias afíns

A CIG-Ensino demanda a recuperación da xornada lectiva docente, un plan de estabilidade para o persoal interino e a regulamentación das materias afíns
A CIG-Ensino demanda a recuperación da xornada lectiva docente, un plan de estabilidade para o persoal interino e a regulamentación das materias afíns

O sindicato convocou esta mañá unha concentración fronte á Xunta para interpelar directamente a Feijóo para que “deixe de ser o campión dos recortes” e lle devolva os dereitos deturpados ao profesorado galego

Unha representación da CIG-Ensino e de profesorado afectado polos recortes de persoal neste comezo de curso concentráronse diante da Consellaría de Educación esta mañá para apelar directamente ao presidente da Xunta a que remate con estes recortes “e deixe de liderar a política restritiva no ensino no Estado español”. O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que Galicia foi a primeira comunidade que viu incrementada a xornada lectiva do seu profesorado, “antes incluso de que Rajoy aprobara o Real Decreto que agora pretende derrogar o Ministerio, que devolve a competencia aos gobernos autonómicos para recuperar as 18 horas semanais de docencia en Secundaria e as 21 en Primaria”. 

“Temos constatado coa nosa campaña de recollida de sinaturas e polas asembleas nos centros que esta é unha das principais demandas do colectivo docente no noso país”, incidiu Bermello. 

Esta xornada lectiva, que xa estivo en vigor até a chegada de Feijóo ao poder, permitiríalle aos e ás docentes galegas centrarse no verdadeiramente importante, a preparación das clases e os traballos de coordinación, así como incrementaría considerabelmente os cadros de persoal nos centros que neste comezo de curso se queixan de que non poden dar resposta á oferta educativa básica nos distintos niveis, nin poñer en marcha programas de reforzo, nin desdobres, que redundan sempre nunha mellor atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Estabilidade para o persoal interino

Porén, unha das cuestións que “non se entende da política educativa deste conselleiro é que se lles siga negando profesorado aos centros cando este curso hai 428 persoas menos con contrato de interinidade que o curso pasado”, subliñou o máximo responsábel da CIG-Ensino.

A situación na que quedaron boa parte dos que non obtiveron contrato de interinidade e que non aprobaron as oposicións celebradas en xuño podería paliarse de se atenderen agora as lexítimas demandas da comunidade educativa, que leva a que en centros como a ESAD de Galicia ou o IES de Brión non comezaran aínda as clases por mor das protestas do seu claustro, alumnado e familias.

Neste sentido, Bermello volveu incidir na necesidade de que a administración educativa aborde a negociación dun acordo de estabilidade que garanta que o profesorado con anos de servizos prestados ou de avanzada idade non se vexa prexudicado polas próximas ofertas de emprego. 

“Se nos guiamos pola propaganda do conselleiro en 2019 haberá máis de 2.000 prazas nas oposicións docentes aínda que, como sabemos, haberá que agardar para saber se de novo “inflan” as cifras como fixeron este ano coa promoción interna”, indicou. 

“Con todo, e ante as escasas esperanzas de que o goberno do Estado acepte ir a unha dobre vía de acceso, a CIG-Ensino seguirá reclamando que as prazas se convoquen tendo en conta o número de xubilacións de cada especialidade e que mediante este acordo se rescate a aquel persoal que puidera quedar sen traballo tras a OPE a través dos habituais destinos provisionais que se outorgan cada curso.”

Comentarios