A tempada media e baixa de Galicia concentra o 60% dos visitantes

A tempada media e baixa de Galicia concentra o 60% dos visitantes

A responsable de Turismo da Xunta sinalou a importancia de impulsar o crecemento do turismo fóra de tempada estival a través de produtos como os de turismo rural

A directora de Turismo, Nava Castro, salientou onte a importancia da tempada media e baixa en Galicia, ao concentrar máis do 60% dos visitantes que chegan á Comunidade galega ao longo do ano. Así o manifestou durante a presentación do Catálogo de Produtos de Turismo Rural de Galicia – Outono 2018 que tivo lugar en Santiago de Compostela e que recolle diferentes experiencias nas contornas rurais galegas das que gozar durante o outono.

A responsable de Turismo da Xunta referiuse ao traballo levado a cabo de xeito conxunto entre o sector turístico galego e a Administración autonómica, que está a facilitar que Galicia se consolide como un destino atractivo en calquera época do ano. 

Neste sentido recordou que foi o outono a época na que máis evolucionou o turismo en Galicia o ano pasado, demostrando os pasos certeiros que se están a dar para reducir a estacionalidade.

A directora salientou tamén que nestes momentos o Goberno galego está a deseñar o Plan Estratéxico de Turismo Rural e o Plan Enogastronómico, dous documentos aliñados coa Estratexia do turismo de Galicia 2020 cos que seguir mellorando en eidos nos que Galicia está chamada a ser un referente e que teñen un peso importante nesta época do ano.

Preto de 40 novas experiencias

Como explicou, o catálogo presentado hoxe a iniciativa da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) e da Asociación Galega de Turismo Rural (Agatur) coa participación do Clúster Turismo de Galicia súmase á oferta outonal que permite impulsar o crecemento do turismo fóra da tempada estival a través de produtos de turismo rural.

Este novo catálogo recolle preto de 40 experiencias nas contornas rurais da Ribeira Sacra, Tabeirós-Terra de Montes, Arousa-Sar, Mariña lucense, Costa da Morte, Allariz ou Cabana de Bergantiños. Inclúe propostas como a participación nos procesos de recollida de mazás e uvas, rutas de sendeirismo, xogos de escape para toda a familia, descenso polo río Ulla ou observación nocturna, entre outras.

Comentarios
Lo más