Centros escolares da cidade participarán na I edición do programa "Coñece o squash"

Centros escolares da cidade participarán na I edición do programa "Coñece o squash"

Nesta ocasión, os centros participantes son o CEIP Quiroga Palacios, o CEIP San Jorge, o CEIP Lamas de Abade, o CEIP López Ferreiro, o CPR Casa do Neno, o CEIP Vite I, o CEIP Monte dos Postes, Down Compostela e o CEIP Raíña Fabiola

Chega a segunda edición do programa Coñece o squash, desenvolvido por primeira vez o pasado curso nos centros escolares de Santiago. Trátase dunha proposta da Federación Galega de Squash e do Concello, presentada este mércores pola concelleira de Deporte, Noa Morales, e polo presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya.

Tal e como lembrou a edila, "a campaña foi todo un éxito o ano pasado, con máis de 1.500 alumnos e alumnas participantes e cun interese cada vez maior por este deporte, que en Santiago conta cun dos referentes mundiais como é Borja Golán". 

Nesta ocasión, os centros participantes son o CEIP Quiroga Palacios, o CEIP San Jorge, o CEIP Lamas de Abade, o CEIP López Ferreiro, o CPR Casa do Neno, o CEIP Vite I, o CEIP Monte dos Postes, Down Compostela e o CEIP Raíña Fabiola. As actividades serán do 24 de setembro ao 14 de decembro.

A idea da campaña é levar o coñecemento do squash aos nenos e nenas mediante unha serie de contidos eminentemente prácticos, desenvolvéndose cos profesores e profesoras de educación física que hai nos centros. "A Federación -sinalou Carlos Noya- contactou cos centros para comprobar dispoñibilidade de horario e necesidades e, a partir de aí, idear o calendario". 

A actividade realízase nunha pista inchable, o que permitirá ir a todos os colexios. "O obxectivo da campaña é que xermole unha nova xeración de xogadores e xogadoras deste deporte, que no futuro contarán coa Cidade da Raqueta", engadiu.

A Federación Galega facilitará o adestramento e o Concello axudará co traslado da pista inchable. Consensuáronse as actividades cos profesores de educación física dos centros e en función das idades dos nenos e nenas. Ademais das sesións nos colexios, o alumnado poderá participar en adestramentos gratuítos nas instalacións de squash no Milladoiro. 

Comentarios