Mobile World Capital Barcelona aposta por Galicia

Mobile World Capital Barcelona aposta por Galicia

O evento nace coa vocación de irradiar a toda Galicia o debate sobre o impacto da tecnoloxía no modelo actual de sociedade 

A Mobile World Capital Barcelona (MWCapital) aposta por Galicia e pola cidade da Coruña para celebrar o seu primeiro evento fóra de Cataluña. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que o encontro nace pivotando na cidade herculina pero con vocación de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade.

A responsable autonómica, que participou hoxe na presentación da Mobile Week Coruña, destacou que o apoio institucional da Xunta, a Deputación e o Concello da Coruña, xunto co Club Financieiro Atlántico evidencia o desexo común de colaborar para que o evento sexa un éxito e se consolide como una cita con continuidade no tempo.

Mar Pereira subliñou tamén o acerto no enfoque do encontro, que se centra nos retos realmente importantes como impacto da evolución tecnolóxica nas nosas vidas e da necesidade de darlle voz á cidadanía neste debate.

Entre o 21 e 28 de novembro, Mobile Week Coruña ofrecerá unha programación transversal e gratuíta en máis de 20 espazos ao longo dos 10 distritos da cidade da Coruña, a súa área metropolitana e a Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela. Relatorios, charlas mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, talleres e xornadas infantís, entre outras, darán lugar a abordar os retos, os límites e as oportunidades de transformación dixital.

Actividades e expertos

A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas, mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia, mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas.

Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente crave da dixitalización do territorio, Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.

Comentarios