Hoxe comeza a construcción do primeiro ascensor urbano de Santiago

Hoxe comeza a construcción do primeiro ascensor urbano de Santiago

As obras de Triacastela suporán un investimento de máis de 355.000 euros

Hoxe venres comezan as obras de mellora da accesibilidade na rúa de Triacastela, unha actuación longamente demandada que deberá estar concluída no prazo de seis meses. 

Anunciouno o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, nunha rolda de prensa na que deu conta do inicio doutras importantes actuacións ao longo desta semana. 

Entre elas, Rafael Peña salientou a renovación da estrada de Ponte-Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar ou o acondicionamento do contorno do estadio de San Lázaro.

As obras de Triacastela suporán un investimento de máis de 355.000 euros. O concelleiro de Obras explicou que a actuación "solucionará o problema de accesibilidade que a veciñanza da zona, bastante envellecida, vén padecendo dende hai anos". Para iso, vaise instalar un ascensor que salvará o desnivel de máis de doce metros que existe entre Triacastela e Concheiros.

Rafael Peña explicou que o elevador terá capacidade para 16 persoas, "garantindo que terá capacidade para cadeiras de rodas, carriños de bebé ou mesmo padiolas". 

O ascensor estará aliñado coas edificacións que teñen a súa fronte cara a avenida de Lugo, e na parte superior conectarase con Concheiros a través dunha pasarela acristalada. As obras tamén contemplan a renovación das redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións na rúa.

Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial lembrou que esta semana tamén comezaron as obras de renovación da estrada de Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar, ás que tamén se destinarán 350.000 euros.

O proxecto aféctalle tanto ao pavimento da calzada como ás beirarrúas e aos vados peonís, nun tramo de case un quilómetro e medio. O firme, que presenta moitos desperfectos, será totalmente demolido e reconstruído. Tamén se acondicionarán as beirarrúas e mellorarase a accesibilidade nos pasos peonís.

Rafael Peña lembrou que as obras obrigan a cortar a circulación en todo o tramo e para todos os vehículos, salvo para o acceso aos garaxes. Tamén se eliminan as prazas de aparcamento en calzada durante os traballos. 

As obras teñen un prazo de execución de seis meses, pero o concelleiro explicou que "o tráfico poderá ser restablecido nun prazo menor, de aproximadamente un mes, porque se traballará primeiro na rexeneración da calzada e posteriormente acometeranse as outras partes do proxecto".

Outras obras

Rafael Peña tamén deu conta do inicio, esta semana, das obras de rexeneración do pavimento da calzada nos viarios de acceso ao Palacio de Congresos e Exposicións. 

A actuación, que lle afecta ás rúas de Miguel Ferro Caaveiro e de Fernando Casas Novoa, custará algo máis de 180.000 euros e terá un prazo de execución de tres meses.

O proxecto contempla a renovación completa do firme, así como reparacións puntuais nas beirarrúas e actuacións de mellora da accesiblidade nos pasos de peóns existentes. 

Neste caso, o concelleiro explicou que "as obras están comezando polas beirarrúas e os pasos de peóns, para causar menos molestias ao tráfico nunha zona na que hai hoteis e cando aínda estamos en temporada alta".

Nos últimos días tamén arrancaron as obras de mellora do viario que vai dende o cruce da estrada N-550 en Barciela ata o lugar de Casas de Arriba, en Cesar. 

Trátase dunha actuación orzada en 130.000 euros e cun prazo de execución de catro meses. O proxecto aféctalle a un tramo de 1,3 quilómetros. Rafael Peña apuntou que esta actuación "verase complementada cunha segunda fase, que está a piques de saír a licitación". 

Comentarios