"Del Miño al Bidasoa" faise realidade no concello de Padrón

"Del Miño al Bidasoa" faise realidade no concello de Padrón

Trátase dunha ruta de preto de tres quilómetros que transcorre por seis lugares recollidos neste emblemático libro de viaxes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, realizaron a canda dun grupo de 60 alumnos dos institutos deste concello coruñés, o percorrido inaugural da ruta “Del Miño al Bidasoa”, para conmemorar o célebre libro de viaxes do Premio Nobel galego. Previamente, o alumnado participou nunha visita guiada ao renovado museo da Fundación Camilo José Cela.

Román Rodríguez explicou que con esta iniciativa “poñemos en marcha a primeira das rutas literarias relacionadas con este emblemático texto”. E concluíu afirmando que este é “un proxecto novidoso” que axudará á promoción e difusión da obra de Cela, “especialmente dos seus libros de viaxes”.

Contextualización da ruta

En febreiro de 2018, o Instituto Cervantes, a Deputación de Guadalaxara, Camilo José Cela Conde e a Fundación Pública Galega Camilo José Cela asinaron un protocolo de colaboración no que todas as partes expresaron a súa vontade de colaborar na realización de accións e actividades relacionadas coa promoción e a difusión nacional e internacional da obra de Camilo José Cela, e especialmente dos seus libros de viaxes.

Neste sentido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Pública Galega Camilo José Cela, en colaboración co Concello de Padrón, poñen en marcha a primeira das rutas literarias relacionados co libro Del Miño al Bidasoa. Notas de un vagabundaje, no concello coruñés que viu nacer o noso Nobel.

Seis escenarios de Del Miño al Bidasoa

A ruta dentro do concello padronés sinaliza seis lugares presentes na antedita obra. Nestas placas reprodúcense fragmentos que Cela empregou para describir ou referenciar cada un dos espazos. Desde a entrada en Padrón, pasando pola Taberna do Cuco, o Xardín Botánico, a Igrexa de Santiago e a Casa do escritor Nicasio Pajares, até chegar ao Cemiterio de Adina, onde precisamente repousan os restos de Cela. Neste traxecto percórrense preto de tres quilómetros por importantes escenarios biográficos e literarios do escritor galego.

Desde a Consellería de Cultura estase a traballar para que esta iniciativa poida ser extrapolada aos máis de 30 concellos galegos que aparecen no libro e que abranguen desde As Neves (Pontevedra) até Ribadeo (Lugo). Na actualidade, xa está previsto promover rutas similares na contorna de Santiago de Compostela, de Ourense, A Coruña e Ribadeo.

Comentarios