Denuncian o estado de abandono da rúa Caramoniña

Denuncian o estado de abandono da rúa Caramoniña
Denuncian o estado de abandono da rúa Caramoniña

Había unha previsión de investir 60.000 euros, para melloras en 2017, que aínda non se executaron

O grupo Municipal Popular advirte novamente a total falta de compromiso do Goberno de Martiño Noriega cos seus veciños.. Por elo, o Grupo que dirixe Agustín Hernández vén de denunciar o estado de total abandono da rúa Caramoniña por parte do equipo de Compostela Aberta.

A rúa de Caramoniña, situada nas proximidades do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), foi obxecto dunha profunda mellora entre 2014 e 2015 para habilitar o pronunciado desnivel que conforma a pasaxe peonil para conectar as rúas Valle Inclán e Touro e que serve, ao mesmo tempo, para acceder ás hortas municipais e tamén ao parque de Bonaval, a través dun singular corredor.

As actuacións realizadas, sumadas á urbanización da parte alta onde se construíu un moderno equipamento cultural e unhas vivendas colectivas que axudaron a potenciar o valor ambiental e paisaxístico da zona, ofrecen hoxe signos claros de abandono na súa limpeza e mantemento: as herbas e ortigas ocultan boa parte dos chanzos.

O peor é o estado das construcións ruinosas que se encontran nas marxes e que lindan cos terreos destinados a hortas municipais. No seu interior, ao que se pode acceder por ter forzado os valos e tapias colocados no seu día, acumúlanse gran cantidade de xiringas, envases de bebida e multitude de bolsa cheas de lixo e restos de todo tipo que constitúen unha ameaza para a saúde pública e un foco de contaminación que é preciso remediar canto antes.

A situación –sobre a que o PP xa se ten interesado- podería ter sido moi distinta se o Goberno municipal afrontara, como complemento necesario das obras realizadas no pasado mandato, a recuperación ou consolidación destas construcións abandonadas, un proxecto que o propio Goberno incluíu nas programación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable cunha previsión de investimento de 60.000 euros para acometer ao longo do ano 2017.

Mentres se están a incumprir as previsións, a zona ofrece unha imaxe de deterioro progresiva. Mesmo nos baixos do centro sociocultural que dá acceso ás hortas e ao garaxe das vivendas se poden atopar con frecuencia cartóns, restos de comida e outros enseres persoais que deixan persoas que alí se acollen, tal e como denuncia a veciñanza que ten colocado un cartel que advirte desta circunstancia, co rogo de non empregar o lugar para este fin.

Ante a habitual tardanza na execución dun proxecto necesario, O Grupo Municipal Popular solícitalle ao Goberno que procede de maneira urxente a adoptar as medidas necesarias para recuperar a limpeza e a seguridade no tramo central da rúa Caramoniña.

Comentarios
Lo más