Obxectivo: recuperar Meirás dos Franco

Obxectivo: recuperar Meirás dos Franco
Obxectivo: recuperar Meirás dos Franco

As forzas políticas galegas queren o Estado axude na recuperación do Pazo de Meirás

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, subliñou onte o compromiso do goberno socialista coa Memoria Histórica e reiterou a petición de recuperar o Pazo de Meirás. Leiceaga respondeu onte a unha proposta de Declaración Institucional sobre Meirás cun texto idéntico á proposición non de Lei que foi aprobada por consenso antes do verán.

Fernández Leiceaga apelou aos grupos parlamentarios a reeditar aquel consenso cunha Declaración unánime antes de que remate o Pleno pedíndolle á Xunta que lle remita urxentemente o informe da comisión de expertos nomeada pola Consellería de Cultura –en cumprimento da resolución previa do Parlamento- á Administración Xeral do Estado.

Nesta proposta pídenlle así ao Goberno central que “se realicen as accións legais a que fai referencia o informe na súa conclusión final co obxecto de reintegrar as torres ou pazo de Meirás ao ámbito dos bens de dominio público da Administración Xeral do Estado”.

A proposta inclúe pedirlle á Xunta que se incorpore ao proceso civil como coadxudante adhesiva e declarando a vontade de que a recuperación “non implique un novo custe para o pobo de Galicia”.

ACORDO PARA RECUPERAR MEIRÁS

A portavoz do BNG aludiu a “triquiñuela legal” dun dos netos do ditador para bloquear a devolución do Pazo de Meirás e afirmou que a familia Franco parece que continúa coa mesma mentalidade do ano 36. Este paso da familia Franco, dixo Pontón, é “unha declaración de guerra ás resolucións democráticas adoptadas no Parlamento galego”.

Nesta liña avanzou que o BNG solicitará un acordo no pleno de todas as forzas políticas para “deixar claro á familia Franco que non aceptamos esta nova triquiñuela e urxir ao Goberno central a dar os pasos legalmente necesarios para activar a reforma. Non entendemos a que espera Sánchez e que se dilaten os prazos nun tema que conta con suficiente documentación e o aval do Parlamento galego". O BNG trasladou a petición dunha declaración institucional ao resto das forzas políticas para que o Parlamento se pronuncie nesta liña.

Urxe que dende o Goberno do Estado sexa activada toda a demanda xudicial para reclamar a titularidade do Pazo de Meirás e doutros bens espoliados pola familia Franco como a Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham para que volvan ao seu lexitimo dono. 

“Xa pasou demasiado tempo e agora o Goberno de Sánchez debe activar esta demanda como prioridade dentro da recuperación da memoria histórica. Non podemos permitir que a pasividade da administración central sexa cómplice dos intereses e triquiñuelas da familia Franco para impedir que se leve adiante o proceso de recuperación do Pazo de Meirás", declaran dende a formación nacionalista.

OS FRANCO QUEREN "BLOQUEAR" A RECUPERACIÓN DE MEIRÁS

O pasado 7 de xullo rexistrouse na Xunta unhas escrituras ás actas de notificación sobre os dereitos de tanteo e retracto dunha unha parte do Pazo de Meirás. Desta maneira a administración galega tería que igualar a oferta para adquirir o pazo da familia Martínez- Bordiú.

A Xunta non tardou en responder e aclara que poñerá os feitos en coñecemento do Ministerio de Cultura. Ademais non ten intención de exercer o seu dereito de tenteo ou retracto ante a operación urdida desde a familia Franco.

A parte do neto do ditador supoñería un millón de euros e a Xunta non está disposta a ceder parte dos recursos públicos á familia Franco.

Comentarios