Padrón firma un convenio con Medio Ambiente para investir 250.000 euros no saneamento en catro parroquias

Padrón firma un convenio con Medio Ambiente para investir 250.000 euros no saneamento en catro parroquias

As actuacións previstas permitirán levar a cabo a ampliación das redes existentes, a execución dunha separativa e a anulación de varias foxas sépticas

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para levar a cabo a mellora do servizo de saneamento en catro parroquias deste municipio: Herbón, Aduana, Paraíso e Palomar.

Cun investimento máximo de 250.000 euros que asumirá Augas de Galicia, este acordo permitirá estudar as actuais instalacións de saneamento e depuración destes núcleos e levar a cabo a ampliación das redes de saneamento xa existentes, a execución dunha nova rede separativa e a anulación de foxas sépticas.

O convenio asinado enmárcanse na constante revisión que fai Augas de Galicia da calidade do dominio público na Demarcación Galicia-Costa a través do Plan de Control de Vertidos. Un traballo de supervisión e control que permitiu detectar deficiencias nas infraestruturas de saneamento de certas parroquias do concello coruñés e que, grazas aos investimentos comprometidos pola Xunta a través deste convenio, poderán quedar resoltos.

Así mesmo, Augas de Galicia está a colaborar de forma constante co concello de Padrón na mellora do estado dos ríos que atravesan este concello e dos servizos municipais de saneamento e abastecemento. Así, actualmente ten en execución a obra para a reparación de danos no azud da canle de derivación do río Sar, cun orzamento de 58.157,09 euros, e no ano 2015 executou a obra de estabilización de taludes no mesmo río, cun orzamento de 306.023,27 euros.

Do mesmo xeito, estase elaborando o plan específico para a xestión das inundacións na Área con Risco Potencial Significativo de Inundación Río Ulla-Sar, cun orzamento de 160.238,32 euros, co fin de determinar as actuacións máis prioritarias para a redución do risco de inundacións nos ríos Ulla e Sar ao seu paso por Padrón.

Comentarios