A praza do Obradoiro acollerá unha exposición sobre embarcacións tradicionais de Galicia

A praza do Obradoiro acollerá unha exposición sobre embarcacións tradicionais de Galicia
A praza do Obradoiro acollerá unha exposición sobre embarcacións tradicionais de Galicia

A mostra virá acompañada duns paneis informativos para que as persoas que se acheguen ao Obradoiro poidan comprender mellor o contido da mesma

Os edís de Educación e de Acción Cultural, Manuel Dios e Branca Novoneyra, deron conta o 26 de setembro de varias accións que se desenvolverán nas vindeiras semanas en torno ao coñecemento das embarcacións tradicionais galegas. Na rolda tamén estiveron Manuel García Sendón, presidente de Culturmar, e Pablo Carrera López, director da mostra.

A exposición terá lugar na praza do Obradoiro do 29 de setembro ao 6 de outubro e será unha mariña seca onde serán exhibidas as diferentes embarcacións tradicionais de Galicia, cunha exposición denominada Fasquías doutrora, singraduras de futuro. Ocupará unha superficie de 800 metros cadrados, ao longo dos cales teremos a oportunidade de ver 20 embarcacións procedentes de distintos puntos da costa galega.

As embarcacións estarán orientadas cara ao Pórtico da Gloria, con todas as proas dirixidas a un punto de fuga localizado na figura do mestre Mateo. "Deste xeito, as embarcacións renderán tributo á figura que erixiu este monumento, obra senlleira da declaración como Patrimonio Cultural da Humanidade dos camiños de Santiago e do propio casco vello", tal e como explicou Branca Novoneyra. Unha alegoría na que as embarcacións tradicionais, construídas por mestres carpinteiros de ribeira, homenaxean ao mestre de canteiros Mateo.

A mostra virá acompañada duns paneis informativos para que as persoas que se acheguen ao Obradoiro poidan comprender mellor o contido da mesma.

Unidade didáctica

A mostra vén acompañada da edición dunha unidade didáctica polo departamento de Educación e Cidadanía que leva por nome Embarcacións Tradicionais de Galicia. O libro inclúe algunhas tipoloxías de embarcacións destinadas a pesca ou ao transporte fluvial. "Son tipoloxías -explicou Manuel Dios- conservadas ou recuperadas que se poden ver no bienal Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia e que seguen vivas grazas ao esforzo que fan as asociacións que compoñen Culturmar".

A unidade didáctica forma parte da colección Coñecer, Santiago cidade educadora, que conta xa con varias publicacións. Ademais, o Concello organizará visitas guiadas cos centros educativos á exposición da praza do Obradoiro, que virá a completar a información e coñecementos do alumnado sobre esta materia. 

Comentarios