Os veciños de Miramontes presentan unha denuncia polos malos cheiros do vertedoiro

Os veciños de Miramontes presentan unha denuncia polos malos cheiros do vertedoiro
Os veciños de Miramontes presentan unha denuncia polos malos cheiros do vertedoiro

A denuncia colectiva de onte ven a sumarse ás máis de 200 denuncias individuais presentadas nos últimos meses, así como ás frecuentes chamadas telefónicas á policía para denunciar os episodios de cheiros

A Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes rexistrou onte unha denuncia ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, asinada por máis de 200 veciños das aldeas próximas á canteira de Miramontes, polos continuos episodios de cheiros nauseabundos procedentes do vertedoiro situado na canteira. 

No escrito os veciños solicitan a realización de inspeccións e actuacións ambientais e sanitarias que poñan fin a esta situación de inhabitabilidade "insoportable e moi inxusta", que a Administración non pode permitir de acordo cos principios da Lei de Residuos.

A denuncia colectiva de onte ven a sumarse ás máis de 200 denuncias individuais presentadas nos últimos meses, así como ás frecuentes chamadas telefónicas á policía para denunciar os episodios de cheiros.

A inhalación continua dos gases do vertedoiro ademais de causar graves molestias na vida diaria da poboación próxima, pode estar poñendo en perigo a saúde dos veciños e dos propios traballadores do vertedoiro, pola posible presenza de compoñentes tóxicos. Ata agora as afeccións sobre a saúde limitáronse a cefaleas, malestar de garganta e dificultade para respirar, proído na pel, náuseas, ... Sen embargo os veciños pensan que estes síntomas poderían derivar, ao longo prazo, noutras enfermidades máis serias.

A Plataforma veciñal amosa a súa desconformidade coa actuación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio neste asunto. Pese ás múltiples irregularidades detectadas nas inspeccións, que apuntan diversos incumprimentos da Orde que regula a xestión de vertedoiros en Galicia, non se impuxo ningunha sanción á empresa, limitándose a esixir medidas correctoras dos cheiros que, a todas luces, son insuficientes. A Plataforma, tras estudar a documentación e consultar con técnicos, considera que o vertedoiro non está funcionando de acordo á súa autorización e ao seu propio proxecto construtivo.

O vertedoiro está autorizado para albergar residuos industriais non biodegradables, cunha produción estimada de gases pouco significativa (segundo o seu propio proxecto). Pola contra, de acordo co sinalado nas inspeccións, está a funcionar como un vertedoiro asimilable a un vertedoiro de residuos sólidos urbanos pola porcentaxe de materia orgánica que está entrando. Este cambio de uso respecto ao proxecto construtivo, que explica os continuos cheiros pola descomposición da materia biodegradable que entra en exceso, podería implicar deficiencias no sistema de desgasificación e comprometer incluso a seguridade do propio vertedoiro.

Dende a Plataforma lembran así mesmo que, a pesar dos múltiples requirimentos do Concello á empresa para que regularice o tránsito dos camións, o tráfico pesado que se dirixe ao vertedoiro segue a circular impunemente por unha vía limitada a 5,5 t ante a pasividade da Garda Civil , encargada da regulación do tráfico fóra do casco urbano, que desoe incluso os propios informes remitidos polo Concello e as chamadas da veciñanza.

Os veciños asisten "perplexos e impotentes" a unha situación na que priman os intereses da empresa sobre o medio ambiente e a saúde e o benestar das persoas, a pesar dos múltiples incumprimentos confirmados e as consecuencias nefastas sobre a nosa calidade de vida. Instamos ás distintas administracións implicadas: Xunta, Concello, Garda Civil,... a que actúen con dilixencia dentro das súas competencias para protexer á poboación e corrixir as irregularidades no espazo natural da canteira de Miramontes. 

Neste sentido, a Plataforma está á espera dunha reunión coa Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para poñela ao corrente da situación actual, explicar as conclusións extraídas do estudo minucioso da documentación e aclarar posturas.

Comentarios