Setembro marca un récord de ausencia de chuvias na cidade

Setembro marca un récord de ausencia de chuvias na cidade

En total, dado que en Santiago non se rexistraron nin frontes activos de choiva nin treboadas, “dende o pasado 8 de agosto tan só se levan colectados 4,2 l/m2

O pasado mes de setembro tan só se recolleron na cidade de Santiago un total de 1,3 litros/m2. Como indica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, as precipitacións do pasado mes rexistráronse na noite do día 2 ao 3 (0,4 litros) e do 17 ao 18 (0,9). Igualmente, o día 21 houbo unha precipitación inapreciable (menos de 0,1 litros/m2) durante a mañá.

Como engade o profesor Docobo, dende que o Observatorio da USC posúe rexistros meteorolóxicos (ano 1948), “nunca antes tivera lugar unha situación semellante, aínda que efectivamente houbo meses de setembro moi secos na área de Compostela”. Entre estes últimos, o investigador sinala 1989 (7,1 l), 1997 (10,1), 1985 (11,4) e 1988 (11,8). 

No lado oposto sitúase o mes de setembro de 1999 cando en 16 días se mediron 301,7 l/m2 ou 1998 con 220,3 l/m2 en vinte xornadas. En total, dado que en Santiago non se rexistraron nin frontes activos de choiva nin treboadas, “dende o pasado 8 de agosto tan só se levan colectados 4,2 l/m2”.

Temperaturas

No capítulo das temperaturas, Docobo sinala que se ben foron altas, cunha máxima de 34,3° o día 1, xunto cunha media das máximas do mes de 26,8°, “non se chegaron a superar as marcas dos anos 2006 e 1988”. O 5 de setembro de 2006 o termómetro chegou a marcar en Santiago 38,4° e 0 6 de setembro de 1988, 37,5°. En ambos os dous casos, estas temperaturas foron nos seus respectivos anos máximas anuais.

Comentarios