Educacompostela abre o seu prazo de presentación de traballos

Educacompostela abre o seu prazo de presentación de traballos

Estes galardóns queren recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia

O concelleiro de Educación, Manuel Dios, presentou onte a XI edición dos premios Educacompostela, organizados polo Departamento de Educación e Cidadanía e Nova Escola Galega. Na rolda estivo acompañado da súa presidenta, Mariló Candedo.

Estes galardóns queren recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Os materiais didácticos poderán estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino e poderán tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria ou secundaria. Tamén se poderán presentar materiais elaborados e destinados para o contexto non formal e informal.

Premios

Haberá un total de tres premios: un de 1.200 euros, outro de 900 e outro de 600, sumando un total de 2.700 euros. Os materiais presentados deberán ser orixinais e inéditos, e estar elaborados e redactados en lingua galega. Non poderán participar aqueles traballos que foran premiados con anterioridade.

Cada material ou conxunto de materiais deberá ir acompañado dun texto explicativo que dea conta das súas características, estrutura, obxectivos, destinatarios/as, integración no currículo e proceso de elaboración, experimentación e avaliación seguido. Poderá participar individualmente ou en grupo quen teña producido materiais didácticos sobre os temas relacionados.

Os orixinais para optar aos premios deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ubicado na rúa Salvador Allende, 4. O prazo de presentación de orixinais será ata o 31 de outubro de 2018.

O xurado está composto polo concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela, dous representantes de Nova Escola Galega, dous representantes do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, o director/a do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, un representante dos centros de formación e recursos de Galicia e un representante das editoriais de Galicia.

As solicitudes valoraranse en función dunha serie de criterios como que os traballos presentados atendan á concepción de material didáctico, que o contido se axuste á realidade sociocultural e educativa de Galicia e estean escritos en lingua galega, o grao de experimentación e avaliación, o nivel de implicación da comunidade educativa ou o grao de participación do centro educativo e de integración das novas tecnoloxías. 

Comentarios