A Banda Municipal inicia o seu novo curso cunha 'Gala Lírica & Antoloxía de Zarzuela'

A Banda Municipal inicia o seu novo curso cunha 'Gala Lírica & Antoloxía de Zarzuela'

O concerto será este sábado, 6 de outubro, ás 20.30 h, no Auditorio de Galicia e a entrada será libre ata completar aforo

A Banda Municipal de Música de Santiago inicia o Ciclo de Outono este sábado cunha "Gala Lírica & Antoloxía de Zarzuela". Presentárona esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director da Banda, Casiano Mouriño; e Jesús Couceiro, presidente da Asociación de Amigos da Ópera, xa que o evento faise en colaboración coa asociación.

O concerto será este sábado, 6 de outubro, ás 20.30 h, no Auditorio de Galicia e a entrada será libre ata completar aforo. A Banda estará acompañada dun elenco de solistas e do Coro do Orfeón de Vila Praia de Áncora. Con el, ademais de iniciar o curso e comezar o Ciclo de Outono, continúase coa celebración do 170 aniversario da Banda Municipal.

O concerto comeza cunha primeira parte na que interpretarán ‘El barberillo de Lavapiés’, Zarzuela de Barbieri en tres actos en versión concerto. Na segunda parte poderemos escoitar fragmentos de ‘La verbena de la paloma’ de Bretón; ‘La canción del olvido’ e ‘Los claveles’ de Serrano; ‘La del Soto del Parral’ de Soutullo e Vert; ‘La tabernera del puerto’ e ‘Don Manolito’ de Sorozábal; ‘Luisa Fernanda’ de Moreno Torroba; ‘La revoltosa’ de Chapí; e.’El baile de Luis Alonso’ de Giménez.

A Banda Municipal, dirixida por Casiano Mouriño, estará acompañada polo coro portugués Orfeón de Vila Praia de Áncora, dirixido por Francisco Presa; Margarita Guerra ás castañolas; a soprano Carmen Subrido; a soprano Clara Panas; o tenor Eduardo Sandoval; e o barítono Javier Franco. 

Comentarios
Lo más