A Policía Local realiza unha campaña na cidade sobre o uso do cinturón

A Policía Local realiza unha campaña na cidade sobre o uso do cinturón

O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente

Desde onte, un de outubro, e ata o próximo día 7, a Policía Local realizará controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, no marco dunha nova campaña de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico.

O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. 

A súa utilización tamén é importante nos asentos traseiros do vehículo, xa que protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves. No caso dos envorcos, o cinto reduce nun 77% o risco de morte.

En canto aos sistemas de retención infantil, son obrigatorios para nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendables ata os 1,50. As cadeiras deben estar instaladas de acordo coa altura e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira. 

Comentarios