Comeza a licitación das obras de acceso de Leboráns a Calo

Comeza a licitación das obras de acceso de Leboráns a Calo

O proxecto ten un custo de 88.048,37 euros, IVE incluído, e estará sufragado a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”

A Xunta de Goberno Local aprobou o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, das obras de acceso de Leboráns a Calo, na parroquia de Trasmonte. O proxecto ten un custo de 88.048,37 euros, IVE incluído, e estará sufragado a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”. Deste xeito, o goberno municipal continúa apostando pola mellora dos viarios e camiños do rural amesán.

O proxecto técnico de mellora do acceso de Leboráns a Calo contempla comezar pola mellora na recollida de augas pluviais. Para isto, procederase á escavación dunha gabia na que se colocarán 576 metros de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro, e se executarán dezasete arquetas con sumidoiro.

De seguido, procederase á mellora da capa de rodaxe nos seis treitos que conforman o acceso. No primeiro, realizarase a reparación de fochancas, o perfilado de mordentes e a ampliación do ancho da superficie pavimientada de 0,50 metros a cada lado da vía, para o que se empregarán dez centímetros de zahorra, quince de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Despois, levarase a cabo a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma.

Nos cinco treitos restantes, sen embargo, procederase á reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, para despois instalar cinco centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma.

Para rematar, o proxecto tamén contempla a limpeza de gabias e salvagabias da zona, o que permitirá a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes, e unha partida para a adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.

Comentarios