Teo homenaxea a Constante Liste, tenente alcalde no 36 a fusilado polo bando franquista

Teo homenaxea a Constante Liste, tenente alcalde no 36 a fusilado polo bando franquista

O 16 de marzo do ano 36 foi elixido 1º Tenente de Alcalde. Despois do Golpe de Estado foi detido e posteriormente fusilado, presumiblemente en Boisaca

O Concello de Teo lembra este 3 de outubro a Constante Liste, primeiro tenente alcalde de Teo no ano 36. E faino o día do 82 cabodano do seu asasinato. Este mércores ás 12:00 horas colocarase unha pancarta no balcón da alcaldía, acto ao que está convidada a corporación municipal e no que estará presente o seu fillo Eduardo Liste.

Constante Liste naceu no 1900 en Ameneiro e foi veciño da Casalonga por razón de casamento. No ano 1932 figura como vogal na directiva do Centro Republicano de Teo e tamén foi presidente do Sindicato de Oficios Varios de Teo e Ames, ó que pertencía na súa condición de canteiro.

O 16 de marzo do ano 36 foi elixido 1º Tenente de Alcalde. Despois do Golpe de Estado foi detido e posteriormente fusilado, presumiblemente en Boisaca. O seu corpo nunca se recuperou.

Nesta xornada do 3 de outubro adicada á memoria seguiremos coa presentación dun libro sobre a guerra civil. Ás 19:30 horas no salón de plenos terá lugar a presentación do libro "Historia de la guerra civil contada por dos hermanas" de Lourenzo Fernández Prieto, profesor de Historia Contemporánea da USC, e Gustavo Hervella, licenciado en Historia Contemporánea pola USC.

O libro conta a visión da guerra civil dende a óptica de Carlota e Fernanda García del Real, "mulleres independentes e dunha élite liberal acomodada que non responde a posicións políticas encorsetadas" segundo explican os autores.

Comentarios