Un 31,3% dos fogares galegos chegan con dificultade a finais de mes

Un 31,3% dos fogares galegos chegan con dificultade a finais de mes

A cifra de fogares que chegan con dificultades a fin de mes baixou máis de catro puntos en relación ao trimestre anterior

O número de fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumentou ata o 60,1% no terceiro trimestre do ano, mentres que a cifra de fogares que chegan con dificultade descendeu ata o 31,3%, baixando tamén ao 8,6% os que declaran chegar con moita dificultade. Este é o resultado máis baixo de fogares con algunha dificultade a fin de mes de toda a serie histórica, que se inicia no primeiro trimestre de 2010.

De feito, o número de fogares que chegan con facilidade a fin de mes medrou en Galicia 5,5 puntos respecto ao anterior trimestre, un incremento que é de 11,8 puntos no último ano, segundo reflicte a Enquisa Conxuntural a Fogares correspondente ao terceiro trimestre e publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Pola contra, os datos do IGE constatan un descenso de fogares que chegan con dificultades a final de mes. Esta baixada no último trimestre foi de 4,3 puntos para os que chegan con algunha dificultade (10,8 puntos menos respecto ao terceiro trimestre de 2017). Tamén baixa 1,2 puntos os fogares con moitas dificultades respecto ao trimestre anterior, un descenso de case un punto no último ano.

Ademais, o IGE tamén detecta unha diminución do indicador de confianza do consumidor, que baixa 1,2 puntos respecto ao trimestre anterior. Este indicador cambia así o seu comportamento, dado que no segundo trimestre mellorara 2,7 puntos sobre o primeiro.

MEDIDAS

Así mesmo, a enquisa do IGE mostra unha redución dos fogares que no último ano tomaron medidas para reducir gastos ou aumentar ingresos. Por exemplo, o instituto estatístico ratifica que, en comparación co mesmo trimestre de 2017, baixan os fogares que cambian os seus hábitos de compra para aforrar, que diminúen outros gastos comúns –como roupa, calzado ou transporte- e que son menos tamén os que reciben axuda económica de familiares ou amizades. O único indicador que aumenta é o de tomar medidas financeiras.

Comentarios