Investigadores do IDIS desenvolven un mecanismo que acelera o envellecemento en ratos

Investigadores do IDIS desenvolven un mecanismo que acelera o envellecemento en ratos
Investigadores do IDIS desenvolven un mecanismo que acelera o envellecemento en ratos

Descubriron un modelo animal no que é posible eliminar selectivamente algunhas das células nai adultas, o que obriga ás restantes a facer un esforzo extra para substituír ás ausentes

Investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) liderados polos doutores Manuel Collado e Anxo Vidal, veñen de demostrar un mecanismo de envellecemento baseado no esgotamento das células nai adultas. O traballo, publicado na revista máis prestixiosa no sector (Aging Cell), describe o uso dun modelo de rato que permite eliminar parcialmente as células nai adultas, forzando ás células sobrevivintes a realizar un traballo extra que leva ao seu esgotamento temperán e ao envellecemento prematuro dos animais.

"Segundo imos acumulando anos, todos experimentamos os rigores da idade en forma de perda das capacidades que lembramos da nosa mocidade. Non posuímos a mesma vitalidade, non nos recuperamos igual de ben, non alcanzamos a desenvolver as mesmas funcións. Comprender cal é a causa do envellecemento é unha procura ancestral na humanidade porque detrás vén a promesa de desenvolver unha estratexia que nos permita atrasar a aparición dos síntomas da vellez" sinala Manuel Collado.

Ambos doutores, desenvolveron un modelo animal no que é posible eliminar selectivamente algunhas das células nai adultas, o que obriga ás células nai restantes a facer un esforzo extra para substituír ás ausentes. 

Ao cabo tan só dun ano observaron que os ratos tratados para inducir a morte de células nai adultas, presentaban o pelo branco e unha pronunciada curvatura na súa columna, características típicas de animais envellecidos. Unha análise máis detallada dos tecidos destes animais revelou que os seus órganos expresaban características e marcadores propios do estado de envellecemento.

Concluiron que a diminución na actividade de grupos de células nai de varios tecidos induce unha resposta que se estende por todo o organismo e que provoca un envellecemento xeral coordinado.




Comentarios